
A Fundación Juana de Vega participa no proxecto GREENSEED, unha iniciativa transfronteiriza orientada a impulsar o emprendemento en bioeconomía en Galicia e o norte de Portugal, que se presentou oficialmente nun acto celebrado o pasado 29 de abril en Bodegas Ladairo (O Rosal, Ourense).
O proxecto, financiado no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP), articúlase a través dun consorcio liderado pola Xunta de Galicia e integrado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega como socios galegos, así como a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (CIMAT), a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT) e o Instituto Politécnico de Bragança (IPB) na parte portuguesa.
No acto interveu a directora da Área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, Beatriz Suárez, que puxo o foco no papel da entidade dentro do proxecto e na súa experiencia no acompañamento a persoas emprendedoras no rural. A xornada contou tamén coa participación do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, así como de representantes institucionais do territorio, entre eles a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino.

Sobre o proxecto GREENSEED
O proxecto GREENSEED, que se desenvolverá ata 2028, céntrase no impulso do emprendemento en bioeconomía, especialmente en sectores vinculados á agrogandería, o alimentario, o forestal e o bioenerxético. Para iso, creará un ecosistema de axentes de apoio ao emprendemento especializado nestes sectores, mediante accións que inclúen a formación de asesores, o desenvolvemento de programas de acompañamento e a posta en marcha de espazos de experimentación en catro áreas piloto —dúas en Galicia e dúas no norte de Portugal—.
Neste contexto, a Fundación Juana de Vega desempeña un papel relevante na coordinación das actividades vinculadas á capacitación e á promoción do ecosistema territorial de apoio ao emprendemento en bioeconomía (ETEB). A súa implicación está motivada pola súa traxectoria no impulso do emprendemento no medio rural e pola súa experiencia na coordinación da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, así como na xestión da oficina do Polo de Verín.
Ademais, a Fundación participa activamente no deseño e desenvolvemento de ferramentas dixitais innovadoras que faciliten os procesos de emprendemento en bioeconomía, así como na implementación dun programa de apoio ao emprendemento innovador neste ámbito. Entre as accións previstas destaca tamén a creación de espazos colaborativos nos que as empresas poderán probar e optimizar os seus modelos de negocio desde unha perspectiva técnica.
O proxecto inclúe igualmente un programa de mobilidade para persoas emprendedoras, orientado a fomentar o intercambio de coñecemento entre Galicia e o norte de Portugal, reforzando así a cooperación transfronteiriza e a xeración de sinerxías entre os distintos axentes do territorio.
Con GREENSEED, a Fundación Juana de Vega reforza o seu compromiso co desenvolvemento rural sostible, contribuíndo a fortalecer o ecosistema emprendedor en bioeconomía e a xerar novas oportunidades económicas no territorio.

