A Fundación Juana de Vega participa na asemblea xeral de BIOservicES para avanzar no estudo da biodiversidade do solo

Share

Entre o 29 de setembro e o 2 de outubro, o equipo da Área de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega viaxou a Zaragoza para participar na asemblea xeral do proxecto europeo BIOservicES, do que a nosa entidade é socia.

Durante as sesións intercambiouse o coñecemento xerado nos diferentes paquetes de traballo, presentáronse os avances e resultados acadados, debateuse sobre o traballo en curso e acordáronse os próximos pasos de BIOservicES. O programa tamén incluiu varias visitas de campo.

En xeral, nestes catro días, profesionais de todo o mundo e de diferentes áreas de especialización volveron poñer en común o esforzo por un obxectivo común: comprender mellor a biodiversidade do solo e a súa contribución ás funcións e aos servizos dos ecosistemas para deseñar prácticas de xestión resilientes ao clima en distintos territorios europeos.

O papel de Fundación Juana de Vega

BIOservicES, financiado polo programa Horizonte Europa, involucra a 22 socios de once países. O consorcio está integrado por universidades, centros de investigación, empresas e axentes de innovación —como a Fundación Juana de Vega- que suman unha ampla experiencia en agricultura, innovación e comunicación. O consorcio está coordinado por Raúl Zornoza, catedrático da área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidad Politécnica de Cartagena.

O proxecto apóiase tecnicamente en 25 puntos nos que se desenvolve o traballo experimental. Están situados en diferentes rexións bioxeográficas: alpina (Suíza), atlántica e mediterránea (España), continental (Alemaña) e boreal (Letonia). Representan diversos usos do solo e niveis de presión, o que permite estudar as interaccións entre os organismos e as funcións dos ecosistemas, co fin de desenvolver novas prácticas de xestión sostible. A Fundación Juana de Vega colabora en traballos relacionados coas zonas experimentais de Galicia e na medición dos servizos ecosistémicos culturais.