Desde o martes 8 ao xoves 10, Alfonso Rivas, director da Área de Investigación e Innovación, asiste en Frick (Suíza), á reunión presencial do proxecto europeo BIOservicES.
BIOservicES (Linking soil biodiversity and ecosystem functions and services in different land uses: from the identification of drivers, pressures and climate change resilience to their economic valuation) está cofinanciado polo programa Horizonte Europa con 7,4M€, no marco da Misión Solos, que ten por obxectivo principal coñecer o estado da biodiversidade do solo en Europa e a súa relación cos servizos ecosistémicos.
A Fundación Juana de Vega é un dos 22 socios (de once países) desta iniciativa internacional, na que colabora en traballos relacionados coas zonas experimentais en Galicia e a medición dos servizos ecosistémicos culturais.

O período de execución de BIOservicES abrangue entre setembro de 2023 e agosto de 2028. Está coordinado polo catedrático Raúl Zornoza, da Universidad Politécnica de Cartagena, e involucra tanto a universidades e centros de investigación como empresas e fundacións, como a Juana de Vega, recollendo unha ampla experiencia en agricultura, innovación e comunicación.
Durante cinco anos, a investigación afondará nas interconexións entre a biodiversidade do solo, os seus organismos e as funcións e servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio. A iniciativa pretende proporcionar novos coñecementos, indicadores e ferramentas dixitais para a toma de decisións que axuden a deseñar prácticas de xestión resilientes ao clima e programas de seguimento, conservación e restauración adaptados ás distintas contornas europeas.

Anfitrións
A reunión desta semana ten lugar no FIBL (Instituto de Investigación en Agricultura Orgánica), tamén socio de BIOservicES. As principais liñas de investigación do FIBL son a fertilidade do chan, o manexo de nutrientes, técnicas de cultivo, además de centrarse en investigación aplicada para proporcionar ferramentas de agricultura orgánica aos agricultores. Otras ramas de actuación son a política agraria, o consumo ou a sostibilidade. A modo de dato numérico que amosa a súa importancia, a agricultura de Suíza pasou de 9.981 hectáreas en orgánico en 1990 a 190.000 hectáreas en 2023.