A Fundación Juana de Vega participa en dúas xornadas do proxecto “Nueva Economía para la Aldea del Siglo XXI”

Share

A Fundación Juana de Vega participou en dous encontros do proxecto de cooperación Nueva Economía para la Aldea del Siglo XXI, celebrados recentemente en Infesta (Monterrei, Ourense) e en O Couto (Ponteceso, A Coruña). Estas xornadas forman parte da axenda de traballo do proxecto, centrada no intercambio de experiencias entre territorios rurais do norte peninsular.

Impulsado por varios Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Asturias, Galicia e Euskadi, o proxecto ten como obxectivo reactivar as aldeas mediante un modelo de desenvolvemento sostible baseado na cooperación, a aprendizaxe compartida e a valorización do coñecemento local. A través desta iniciativa, sete aldeas piloto —entre elas Infesta e O Couto— funcionan como espazos de experimentación onde se deseñan e poñen en práctica solucións adaptadas aos retos actuais do medio rural. As demais aldeas implicadas son Asiegu, Porrúa, Peón e Moal en Asturias e Orexa en Gipuzkoa.

Entre os seus obxectivos destacan o impulso de sectores produtivos clave, a diversificación económica desde modelos colaborativos, o fortalecemento do capital social e a participación cidadá, así como a posta en valor do patrimonio cultural, natural e social. Todo iso desde un enfoque cooperativo no que unhas aldeas aprenden doutras, compartindo experiencias en ámbitos como a agroecoloxía, a enerxía, a vivenda, os servizos sociais e a dixitalización.

Unha das accións principais é a organización de encontros temáticos presenciais entre as zonas participantes. Estes espazos permiten o intercambio directo entre poboación local, persoal técnico e axentes do desenvolvemento rural, fomentando a aprendizaxe entre iguais, a análise de boas prácticas e a xeración de redes de colaboración.

A implicación da Fundación Juana de Vega no proxecto enmárcase no seu labor de asistencia técnica aos GDR galegos, achegando a súa experiencia en proxectos de revitalización rural e contribuíndo a integrar metodoloxías de planificación estratéxica.

Encontro en O Couto

O 16 de abril tivo lugar un encontro na aldea de O Couto, en Ponteceso (A Coruña), organizado polo GDR Costa da Morte. Durante a xornada coñecéronse diversas iniciativas que combinan cultura, participación e desenvolvemento local; entre elas, proxectos da Fundación Juana de Vega como O Couto Florido, que presentou a técnica da Área de Paisaxe e Territorio Nuria Freire. Trátase dunha iniciativa que utiliza a mellora da paisaxe como punto de partida para implicar á comunidade na transformación da súa contorna.

Intercambio de experiencias en Infesta

A xornada celebrada o 17 de abril en Infesta, organizada polo GDR Monteval, permitiu coñecer de primeira man distintas iniciativas de dinamización rural desenvolvidas na aldea ourensá. Neste contexto, o técnico da Área de Desenvolvemento Rural Fran García presentou o enfoque práctico doutro proxecto do que é beneficiaria a Fundación Juana de Vega: PAISACTIVO (paisactivo.eu). García expuxo unha metodoloxía aplicada a procesos de revitalización rural que pon o acento na gobernanza do territorio, a planificación e a resiliencia fronte a desafíos como os incendios forestais. A súa intervención permitiu conectar estas experiencias locais co marco metodolóxico do proxecto, reforzando a súa dimensión práctica e replicable.

Asistencia técnica aos GDR galegos

“Nueva Economía para la Aldea del Siglo XXI” é un proxecto de cooperación LEADER (2025–2026), cofinanciado pola Unión Europea, o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, o Principado de Asturias e a Xunta de Galicia, que conecta aldeas de Asturias, Galicia e Gipuzkoa para reactivar a vida rural mediante transferencia de coñecemento e aprendizaxe entre iguais.

O proxecto está promovido e coordinado pola Asociación para el Desarrollo Rural e Integral del Oriente de Asturias, en colaboración cos GDR asturianos Comarca de la Sidra e Nacea Muniellos, a ADR Tolomendi de Gipuzkoa e os GDR galegos Costa da Morte e Monteval, aos que a Fundación Juana de Vega presta asistencia técnica neste proxecto.