A Fundación Juana de Vega participa en Costa Rica e Honduras nunha misión técnica para avanzar na creación de Indicacións Xeográficas para o cacao mesoamericano

Share

A principios deste outono, entre o 25 de setembro e o 3 de outubro de 2025, a Fundación Juana de Vega realizou unha misión técnica a Costa Rica e Honduras, no marco do proxecto “Indicaciones Geográficas para el cacao mesoamericano”, coordinado pola Universidad Nacional de Costa Rica (UNA) e financiado por FONTAGRO.

Na visita participaron como expertos José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, e Alfonso Ribas Álvarez, director da área de Innovación e Investigación.

O obxectivo da misión foi avanzar na creación de Indicacións Xeográficas (IG) para o cacao mesoamericano, reforzando a cooperación entre institucións, produtores e academia.

En Costa Rica, celebrouse o Encontro Nacional “Cara ao desenvolvemento de indicacións xeográficas para o cacao en Costa Rica” no Cacaotal (Belén, Heredia), con máis de 60 participantes do Ministerio de Agricultura y Ganadería de Costa Rica (MAG), Instituto Nacional de Innovación y Transferencia en Tecnología Agropecuaria (INTA), Instituto Nacional de Aprendizaje de Costa Rica (INA), Promotora del Comercio Exterior de Costa Rica (PROCOMER), universidades e organizacións de produtores. Durante o seminario presentáronse avances técnicos, validouse o mapa de actores da cadea de valor do cacao fino de aroma en Costa Rica e desenvolveuse un taller participativo tipo World Café para deseñar unha folla de ruta cara á futura IG “Cacao de Costa Rica”. Ademais, realizouse unha visita técnica á Finca Dos Lagunas (Turrialba), onde se coñeceu o proceso completo de produción, postcolleitas e elaboración do cacao, destacando o seu potencial de diferenciación e sostibilidade.

En Honduras, o Encontro Nacional do Cacao tivo lugar na Fundación Hondureña de Investigación Agrícola - FHIA (La Lima), coa participación de cooperativas, produtores, institucións académicas e organismos públicos. O evento permitiu identificar actores clave, acordar compromisos e avanzar na definición dunha folla de ruta nacional cara á futura IG ou DOP do cacao hondureño.

En ambos os países, a Fundación Juana de Vega presentou a experiencia de Galicia na xestión de marcas de calidade diferenciada, xerando un valioso intercambio de metodoloxías aplicables ao contexto mesoamericano. A misión contribuíu a:

  • Fortalecer as capacidades locais e institucionais sobre Indicacións Xeográficas e marcas de calidade.
  • Consolidar alianzas entre os sectores público, privado e académico.
  • Promover a valorización do cacao fino de aroma como produto de orixe, calidade e sustentabilidade.

A Fundación Juana de Vega continuará este 2026 desenvolvendo novas accións do proxecto, vinculando as indicación xeográficas co turismo rural e a valorización comercial do cacao.