A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas sobre agromárketing no sector lácteo en colaboración co CFEA de Sergude

Share

A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo 2024 para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, organiza a última das xornadas de divulgación sobre aspectos relacionados co emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social.

Esta formación, que leva por título "Agromárketing no sector lácteo", terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Sergude o martes 8 e o mércores, 9 de outubro de 9:30 a 17:30h. Ver como chegar en [Google Maps].

A formación conta cunha primeira parte de divulgación do emprendemento en economía social no sector agroalimentario, e con charlas sobre aspectos innovadores de mellora da competitividade. O segundo día, o programa complétase cunha mesa redonda con tres entidades sociais do sector agroalimentario do territorio que aplican a innovación nos seus plans de negocio, así como cunha visita á fábrica de queixos QUEIZUAR, situada na parroquia de Bama (concello de Touro, A Coruña).

En concreto, na mesa redonda que moderará persoal da Fundación Juana de Vega, participarán QUEIZUAR, da man de Benigno Pereira Ramos, socio xerente e presidente do CRDOP Queixo de Tetilla; a cooperativa de servizos a productores de leite Cobideza, representada por Román Santalla, presidente da entidadr e gandeiro; e a cooperativa láctea Pico Sacro, á que porá voz a súa xerente Patricia López López.

Asistencia de balde para formarse
As xornadas están abertas a todas as persoas e profesionais interesados en coñecer de primeira man novas ideas de negocio vinculadas as pequenas transformacións a escala artesanal en produtos alimentarios de calidade.

En total, ofértanse de balde 10 prazas que se asignarán por orde de inscrición. O formulario para anotarse é este: https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/agromarketing-para-o-sector-lacteo