A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas para potenciar a xestión sostible dos espazos verdes urbanos

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas para potenciar a xestión sostible dos espazos verdes urbanos
Share

A Fundación Juana de Vega organiza, co apoio da Deputación da Coruña, as xornadas “Capital natural: identificación, contabilidade e valorización de servizos ecosistémicos da infraestrutura verde municipal” que teñen lugar na súa sede de Oleiros hoxe venres 6, mañá sábado 7 e o sábado, 28 de outubro.

Continuando coas campañas formativas de anos anteriores en materia de infraestrutura verde e servizos ecosistémicos, a entidade promoveu esta actividade máis específica dirixida aos equipos técnicos municipais e profesionais interesados na xestión e conservación das infraestruturas e espazos verdes municipais, en base aos principios teóricos e prácticos dos servizos ecosistémicos. Estes servizos poden definirse como os beneficios que os humanos obtemos da natureza e clasifícanse en tres tipos: provisión (alimentos, gandería, auga, etc.); regulación (hidrolóxica, erosión, térmica, etc.); e cultural (lecer, recreo, saúde,…).

Esta formación responde tamén a unha necesidade detectada no sector pola Fundación Juana de Vega. A escaseza destes técnicos especializados tradúcese na perda directa de oportunidades para acceder a financiación europea para desenvolver proxectos de planificación que teñan en conta criterios ecolóxicos e medioambientais. Precisamente, unha das relatoras convidadas o sábado 28 falará das vías de financiación que ofrece a Fundación Biodiversidad do MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico).

Experto nacional en capital natural

Hoxe, Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, abriu o encontro describindo o marco conceptual e legal da infraestrutura verde e os servizos ecosistémicos. Calaza argumentou a necesidade deste cambio de modelo na planificación territorial poñendo o foco no medio ambiente e nos beneficios para a poboación.

Tamén explicou por que é importante cuantificar os servizos da natureza. “A transformación dun valor a termos económicos é moi importante porque aínda hai moita xente que só é capaz de ver rendementos cando se fala de diñeiro e non doutros conceptos. Poder valorar en termos económicos o que produce a natureza é un forte piar para a súa protección”.

Así, mesmo sinalou que o desenvolvemento “dunha rede de infraestrutura verde no medio urbano é a pedra angular para mellorar a calidade de vida, o benestar e da saúde desta poboación”. Actualmente, un 56% da poboación mundial vive en cidades e en España, esta porcentaxe aumenta ata case un 83%. Entre outros problemas medio ambientais xerados polos ser humano, a infraestrutura verde contribuiría a resolver o efecto illa de calor nas cidades, que pode acadar unha temperatura ata 5º superior ao de zonas con vexetación.

A continuación, e xa para o resto do día e a mañá deste sábado 7, o experto en xestión do capital natural e biodiversidade, Jesús Carrasco, da empresa NTT DATA, conducirá catro sesións prácticas enfocadas en reforzar a necesidade deste cambio no modelo de xestión dos espazos verdes urbanos. O título dos seus relatorios é: “Introdución ao capital natural”; “O capital natural como ferramenta de xestión e de conservación” e “Valoración de servizos ecosistémicos” que concluirán cun taller formativo para aprender a trazar plans específicos sobre solucións baseadas na natureza, na xestión, na infraestrutura e na gobernanza. Os 25 asistentes desenvolverán un estudo de caso práctico que poderán aplicar no seu traballo nas diferentes administracións ou empresas.

O elevado interese nesta actividade organizada pola Fundación Juana de Vega fixo que as 25 prazas dispoñibles se cubrisen aos poucos días de abrir o prazo de inscrición e se xerase lista de espera.

Asistencia libre o sábado 28

A xornada do sábado 28 será de asistencia libre baixo inscrición neste formulario ata completar o aforo.

Entre os relatores convidados están Nuria Preciado, técnica da Fundación Biodiversidad (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico) que introducirá as liñas de financiamento de solucións baseadas na natureza e de infraestrutura verde. A continuación, Luis Paulo Ribeiro, profesor do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, presentará exemplos de boas prácticas nacionais e internacionais. Para finalizar, Juan Carlos Verona, da consultoría estratéxica de servizos e territorio CESYT, centrará a súa intervención no deseño e xestión de espazos naturais desde o prisma dos servizos ecosistémicos.

O elevado interese nesta actividade organizada pola Fundación Juana de Vega fixo que as 25 prazas dispoñibles se cubrisen aos poucos días de abrir o prazo de inscrición e se xerase lista de espera.