A Fundación Juana de Vega organiza unha xornada para informar aos propietarios de montes sobre aspectos a ter en conta nas negociacións coas empresas eólicas.

Share

Oleiros, 9 de febreiro de 2011.– Despois da resolución a finais do pasado ano do concurso eólico, polo que se adxudicaron en Galicia 2.325 megavatios, a Fundación Juana de Vega pon a disposición dos propietarios de montes, unha guía coas claves a ter en conta no proceso de negociación coas empresas eólicas e ofrécelles a posibilidade de asesoramento e orientación no proceso de negociación.

A Fundación Juana de Vega organiza unha xornada informativa que se celebrará o vindeiro sábado, 12 de febreiro, no Hotel Puerta del Camino (Santiago de Compostela). A este encontro, que comezará ás 12.00 horas, poderán asistir comunidades de montes, asociacións e particulares interesados en coñecer as claves da Guía para Propietarios de Terreos Eólicos. O obxecto da mesma é axudar a reducir o desequilibrio de información entre as partes negociadoras e contribuír a que os propietarios obteñan uns mellores rendementos pola ocupación dos seus terreos para instalar parques eólicos.

Desde a Fundación Juana de Vega considérase moi importante o desenvolvemento do sector da enerxía eólica en Galicia, xa que é unha enerxía renovable e unha actividade que sirve para obter compensacións de desenvolvemento industrial. Pero tamén é unha oportunidade única para que parte da riqueza que crea, contribúa a mellorar as condicións de vida no medio rural, ao que se lle presentan poucas oportunidades para acometer novas actividades e fixar poboación. Tamén se trata de compensar aos veciños das instalacións eólicas polos inevitables inconvenientes desta forma de producir enerxía, especialmente os que atinxen á paisaxe.

A guía elaborouse no marco dun proxecto de investigación que financia a Fundación Juana de Vega e desenvolve o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, para estimar o impacto económico e social derivado da instalación de parques eólicos no rural de Galicia.

Os asistentes ás xornadas recibirán de maneira totalmente gratuíta un exemplar da guía, que tamén se pode descargar da páxina web da Fundación Juana de Vega.

A entidade editou unha guía na que figuran consellos para reducir a asimetría de información entre as partes negociadoras, que prexudica ao eslavón máis débil, os propietarios de montes.

A xornada informativa estará aberta a comunidades de montes, asociacións e a particulares interesados e celebrarase no hotel compostelá Puerta del Camino, o sábado 12 de febreiro ás 12.00 horas.