A Fundación Juana de Vega organiza na EFA Fonteboa unha xornada sobre emprendemento innovador en economía social

Share

A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo, organiza este ano unha serie de catro xornadas de divulgación sobre emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social. O primeiro dos encontros terá lugar os días 17 e 24 de xaneiro (mércores ambos) en colaboración co Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa (Coristanco). En marzo trasladaranse á EFA Piñeiral (Arzúa) e as seguintes están previstas nos meses de maio e de setembro.

A xornada na EFA Fonteboa contará cunha parte sobre divulgación do emprendemento en economía social, centrado no sector agroalimentario, así como con charlas sobre aspectos innovadores para mellora da competitividade. Tamén haberá unha mesa redonda con cooperativas que aplican a innovación nos seus plans de negocio e finalizarase cunha visita a unha entidade de economía social da zona. Ademais das prazas para o alumnado, hai 10 vacantes para profesionais do sector agroalimentario e outras persoas interesadas que poden reservarse a través deste formulario.

XORNADAS DE EMPRENDEMENTO E INNOVACION_cartel_EFAFonteboa_Coristanco_17-24XAN24

Formación de dous días
O mércores 17 (9.30 a 17.30h), José Manuel Suárez, socio director de Iuni Strategic Marketers, abrirá o programa contextualizando o emprendemento no sector agroalimentario. A continuación, Rosa Pumar, directora xeral da axencia Imaxe, e Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce de Galicia e presidente fundador de Markea e do Clúster da Comunicación de Galicia, centrarán os seus relatorios na importancia do márketing e da embalaxe para complementar o proceso de produción.

A semana seguinte, o mércores 24 (9.30 a 14.00h), Alfonso Pérez, CEO de Foodtec Consulting, expoñerá as claves para creación de produtos lácteos innovadores en base á súa experiencia como asesor de empresas de todo o mundo. Para finalizar a mañá, José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, moderará unha mesa redonda na que participarán representantes de catro entidades de economía social que cobren a cadea de valor do sector lácteo. Están convidados José Manuel Rial, de Granxa Moreira (Muxía); Jessica Rey e Melchor Iglesias, das cooperativas CLUN (Ames) e Coreber (A Laracha); e José Delgado, de Quesería De mi tierra (Carballo). A xornada de tarde (15.30 a 18.30h), dedicarase a unha visita guiada ás instalacións dunha industria láctea.

Financiamento
Estas xornadas enmárcase no programa de actuación 2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta co financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social.

Ademais das prazas para o alumnado, hai 10 vacantes para profesionais do sector agroalimentario e outras persoas interesadas.