Con motivo do 150 aniversario do pasamento de Juana de Vega, a Fundación que leva o seu nome está a realizar, a través da Cátedra Juana de Vega, unha serie de actividades por toda a comunidade para conmemorar esta efeméride e divulgar a figura da mecenas e filántropa. Progresista, avanzada á súa época e cunha gran sensibilidade social, deixou unha pegada indeleble en toda Galicia e no resto do estado español. O seu legado continúa vivo hoxe en día a través da Fundación que leva o seu nome.
Xunto coa edición da súa última biografía “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805 - 1872). Facer do século”, de Xosé Ramón Veiga (Editorial Galaxia), presentada o pasado venres 16 na librería Librouro, a exposición itinerante sobre a súa figura pode visitarse durante todo este mes no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo. Como complemento, este mércores 21 terá lugar unha conferencia que vincula a época na que viviu a nosa fundadora co contexto histórico local e coa poboación feminina. O lugar do evento é a Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Penzol, de 19.00 a 20.00h.

Programa
Abrirá o relatorio, José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, cunha introdución sobre os fins desta entidade constituída en 1872 por vía testamentaria e de como soubo adaptar as súas liñas de traballo ao desenvolvemento do medio rural en Galicia.
A continuación, Luísa Muñoz Abeledo, directora da Cátedra Juana de Vega, e baixo o título “Quen leva o pan á casa?”, analizará a importancia do traballo feminino nas comunidades marítimas de Galicia nas que, tanto a pesca como a súa transformación, foron actividades fundamentais para as economías familiares e para o desenvolvemento económico do litoral, posto que Galicia foi a rexión líder das actividades pesqueira e conserveira de España. O marco temporal vai dende finais do século XIX ao primeiro terzo do século XX, que é cando ten lugar a modernización do sector transformador.
No relatorio destacará a gran proporción de mulleres que traballaban nos almacéns de salga no século XIX e nas fábricas de conservas de peixe no século XX, compatibilizando esta actividade co traballo agrario e con tarefas auxiliares da pesca. Elas levaban o pan a casa, coma os homes, facilitando o equilibrio orzamentario das familias do litoral galego.
Exposición itinerante
Durante todo o mes de xuño, a mostra “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer do século” permanecerá aberta no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo ata o venres, 30 de xuño de 9.00 a 21.00h.
En próximas datas, están previstas estadías en Pontevedra, Mondoñedo e Monforte de Lemos, vilas natais dos pais de Juana de Vega, así como en Madrid e en Pamplona.