O CISPAC - Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, formalizou o luns, 16 de xuño a constitución oficial do Consello de Transferencia, un órgano chamado a canalizar, fortalecer e facer máis bidireccional a conexión entre o coñecemento xerado no centro e os retos da contorna.

O acto, celebrado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, contou coa participación do equipo directivo do centro e de representantes de 6 das 7 institucións incorporadas nesta primeira fase, entre as que se atopa a Fundación Juana de Vega xunto coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, Caixa Rural Galega, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia), a Fundación RIA e o Consello Económico e Social de Galicia.
A sesión arrincou coa intervención de Lourenzo Fernández Prieto, director científico, quen destacou que “a presenza das institucións no Consello reforza o compromiso social do centro”, nun camiño que debe levar a “formular novas preguntas que teñan impacto na contorna”. Laura Oso, directora adxunta, subliñou o enfoque interdisciplinar do centro e o seu forte compoñente de participación cidadá. Xavier Simón, director de transferencia, fixo fincapé no obxectivo de crear un espazo de diálogo coas entidades, converténdose nun punto de encontro entre ciencia e sociedade, un lugar “no que se poidan compartir impresións, reclamacións e propostas, desde o recoñecemento mutuo e a corresponsabilidade”.
Tras a introdución do Consello, os representantes presentaron as súas entidades e compartiron as súas expectativas. Desde a Fundación Juana de Vega, o director da nosa, José Manuel Andrade, puxo en valor a relación entre innovación, desenvolvemento rural e coñecemento aplicado, sendo obxectivos que comparte co centro de investigación.

O acto rematou cunha visita ás instalacións do CISPAC na que as asistentes puideron coñecer máis de preto os proxectos en marcha e o funcionamento do centro. Nun peche simbólico, o equipo directivo lembrou que “hai moitos ferrados por arar, pero o que hai aquí é un obxectivo común”, lembrando tamén que, aínda que o Consello de Transferencia nace con 7 entidades, a vontade é consolidar un órgano estable con representación de 15 institucións.
Ver vídeo do acto aquí >> https://www.facebook.com/CISPAC/videos/756328853594559
