A Fundación Juana de Vega inicia un ciclo formativo que permitirá aos viticultores producir viños de calidade a partir das variedades da zona de Betanzos legalizadas para o seu etiquetado e comercialización fóra da esfera doméstica.

Share

Oleiros, 30 de xaneiro de 2012.-Tras a investigación pioneira desenvolvida pola Fundación Juana de Vega, na que se conseguiu recuperar dúas castes de cultivo ancestral da zona de Betanzos, o que permitirá etiquetar e comercializar as variedades de Branco Lexítimo e Agudelo baixo estas denominacións, a Fundación da un paso máis no seu apoio ao sector vitivinícola da comarca coa organización dun completo ciclo de formación destinado a obter o máximo rendemento por parte dos produtores.

O obxectivo fundamental do curso, que se desenvolverá a partir do 1 de febreiro na sede da Fundación Juana de Vega e na finca do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, é acadar os coñecementos necesarios para a implantación e o mantemento de fincas de viñedo, principalmente adaptadas á comarca que abarca os viños da Terra de Betanzos, así como a elaboración de viños de calidade a partir de las variedades cultivadas na comarca. Entre elas atópanse o Branco Lexítimo e o Agudelo, hoxe recuperados para a produción de viño de calidade grazas á investigación iniciada en 2007. Neste complicado proceso participaron desde a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), xunto coa Asociación de Viticultores e Adegueiros de Betanzos e Comarca. Este estudo permitiu a estas castes ancestrais sair da esfera doméstica, entrando no Rexistro de Variedades Comerciais. Por tanto, os produtores poderán legalizar estas variedades e ampliar os seus cultivos para obter un maior rendemento económico da súa actividade.

Baixo estas premisas e ante a posibilidades que se abre de dinamización do sector, é necesario acadar a máxima formación para afrontar o proceso, motivo polo que o programa formativo, que terá unha duración de 100 horas, desenvolverase en paralelo ao ciclo vexetativo do produto e cunha vocación eminentemente práctica. Así, o curso terá unha parte teórica en aula e prácticas en finca, desenvolvéndose de xeito descontinuo, ata finais do mes de decembro, coincidindo co embotellado do viño elaborado na adega.

Para a execución práctica de todas estas operacións, os alumnos disporán dunha finca experimental á que se sumará outra de nova implantación, na que o alumno participará na fase inicial de preparación e acondicionamento dos terreos. Igualmente disporán dunha bodega experimental e dun laboratorio de análise.

Con respecto ao programa e o calendario do curso, abranguerá desde a anatomía práctica básica da vid ata a poda e o atado, as técnicas de implantación, os coidados do solo, o control de plagas e enfermedades, os tratamentos fitosanitarios, o seguimento e evolución da maduración, a lexislación vitivinícola, as denominacións de calidade, a selección de materias primas e, finalmente, a elaboración, fermentación, conservación, embotellamento e etiquetado do viño.

O programa iniciarase en febreiro, combinando sesións teóricas na sede da fundación e prácticas en fincas experimentais que se estenderán a todo o ciclo vexetativo da uva.

O obxectivo é que os produtores obteñan o máximo rendemento e amplíen as súas explotacións gracias á implantación variedades como o Branco Lexítimo e o Agudelo, que xa foron recuperadas e incluidas no Rexistro de Variedades Comerciais grazas á investigación impulsada pola Fundación Juana de Vega.