A Fundación Juana de Vega, FEUGA e o CIAM reúnen a produtores, industria agroalimentaria e forestal e a centros de investigación para fomentar a innovación no sector e mellorar a súa competitividade.

Share

Oleiros, 6 de xuño de 2014.- O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo acolleu hoxe unha xornada á que asistiron máis de 150 profesionais, emprendedores e investigadores vinculados ao sector agroalimentario. Esta xornada, organizada pola Fundación Juana de Vega e pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), ademais do propio Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), tivo como obxectivo fomentar a innovación no sector agroalimentario pondo en contacto a produtores, distribuidores, investigadores e outros profesionais, co obxectivo de avanzar na innovación como motor do crecemento dun sector estratéxico en Galicia.

Durante a xornada, na que participaron diversos expertos de empresas e organismos, indicouse a necesidade de tender pontes entre investigadores e profesionais para aproveitar ao máximo os resultados da investigación aplicada ao sector agroalimentario. Deste xeito, apostouse por levar á práctica estes resultados, aplicando solucións reais a problemas reais. Para iso, describíronse ferramentas como os fondos europeos e os programas de desenvolvemento rural, que teñen apartados importantes dedicados á innovación. O encargado de presentar as conclusións do encontro, Quico Ónega, investigador da Universidade de Santiago de Compostela, destacou tamén a cooperación entre profesionais, empresarios e investigadores ?traballando dá man ao lado uns dous outros e ninguén por riba dos demáis?, así como a diversidade de proxectos, que involucren ao máximo número de profesionais. Neste punto destacou o papel fundamental da Fundación Juana de Vega como catalizador entre os actores implicados nestes procesos a través de iniciativas como a celebración destas xornadas.

Tamén se referiu Quico Ónega ao papel dos axentes de innovación á hora de achegar aos pequenos empresarios do sector á contorna da I+D +i, de maneira que se poidan beneficiar da actividade investigadora e innovadora, unindo ambos mundos e achegando á realidade os proxectos. Por último, sinalou a importancia da divulgación dos recursos dispoñibles para avanzar en innovación agroalimentaria, así como a dinamización, animando aos produtores a que emprendan actividades innovadoras.

Tras a presentación das conclusións, o secretario xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar, Tomás Fernández Couto; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o director xeral do FEUGA, Francisco Javier Pereiro foron os encargados de clausurar esta xornada. Fernández Couto, felicitou aos organizadores e destacou que Galicia é un territorio cunha riqueza natural e produtiva moi importante, que ten ante si o reto de diversificar a produción con novas frontes de xeración de riqueza, potenciar a produción xa consolidada e estimular a comercialización profesionalizando a distribución para alcanzar un posicionamento forte nos mercados. Na mesma liña expresouse o presidente da Fundación Juana de Vega, que lembrou que Galicia é especialista en producir con alta calidade pero ten que mirar cara á diferenciación, pondo en valor as súas capacidades, para o que resultan fundamentais a investigación e a innovación. Finalmente, o director xeral de FEUGA asegurou que porá a disposición dos profesionais do sector todas as capacidades da fundación para apoiar ao máximo a transferencia de resultados de investigación agroalimentaria e contribuír ao crecemento e excelencia do sector.

Estas entidades celebraron hoxe unha xornada centrada na aplicación do partenariado europeo para a innovación, coa presenza de produtores, investigadores, empresas agroalimentarias, axentes de innovación, ONGs e asociacións

O secretario xeral da consellería do Medio Rural e do Mar, Tomás Fernández Couto, clausurou o encontro, acompañado polo presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o director xeral do FEUGA, Francisco Javier Pereiro

A principal conclusión desta xornada é que o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) para o período 2014-2020 é o instrumento idóneo para fomentar a innovación no sector agroalimentario e forestal por medio dos grupos operativos de innovación e os axentes de innovación.