O Xurado do Premio de Arquitectura Juana de Vega concedeu o Premio dotado con 6.000,00 € a unha vivenda unifamiliar situada no lugar de Tellada – Betanzos, dos arquitectos D. Gonzalo Crecente Maseda e Xosé Manuel Rosales Noves.
Foron distinguidas ademáis con dous accésits, obras situadas en Toba - Cee e en Liáns - Oleiros.
A Fundación Juana de Vega fixo público esta tarde o fallo do xurado nun acto que estivo presidido pola Conselleira de Vivenda, Dª Teresa Táboas, no que participaron ademais o Presidente do Xurado, D. Celestino García Braña e D. Enrique Sáez Ponte, Presidente da Fundación Juana de Vega. O Xurado, acordou:
- Conceder, por maioría, o Premio Juana de Vega, para a mellor vivenda unifamiliar rematada en Galiza no ano 2005 aos arquitectos Gonzalo Crecente Maseda e Xosé Manuel Rosales Noves, polo seu proxecto executado no lugar de Tellada (Betanzos). O xurado valorou especialmente o equilibrio entre un bon diseño, que concorda cos usos previstos, coa integración da obra no seu contorno natural, nunha pequena fraga de carballos, bidueiros e castiñeiros, ao que tambén contribúen os materiais empregados, con predominio da madeira.
- Conceder por unanimidade dous Accésits os seguintes traballos:
- Vivenda executada en Toba (Cee), dos arquitectos Covadonga Carrasco López e Juan José Creus Andrade que destaca pola solución adoptada, en base a dous volumes baixo unha cuberta a dous augas invertida, que permite solucionar eficazmente a pendente do terreo, os requerimentos dunha familia de catro persoas e o aproveitamento das privilexiadas vistas sobre a costa, respetando un vello exemplar de carballo autóctono.
- Vivenda construída en Lians (Oleiros) do arquitecto Alfonso Fernández Bernárdez. O xurado valorou a moderna solución volumétrica establecida, resolta con elegancia e precisión, que permite manter espazos de intimidade para a familia que a habita nun área moi urbanizada.
Presentáronse 20 obras, das que catro delas eran de rehabilitación. Tras facerse público o fallo, celebrouse o acto de entrega de premios, no que os promotores das obras galardoadas recibiron unha placa de aceiro conmemorativa.
O xurado estivo formado polo Presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, o Director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, Xosé Manuel Casabella López, o Presidente da Fundación, Enrique Sáez Ponte, os arquitectos Cristóbal Crespo González e Marta Rodríguez Fernández, o arquitecto técnico Manuel Caamaño Suárez e Víctor Fernández Freixanes.