Beatriz Suárez Sánchez, directora da Área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, participa esta semana como convidada en tres xornadas en Vigo, Lugo e A Coruña. Nelas presentará o traballo da nosa entidade para promoción do medio rural de Galicia desde diferentes sectores e tamén apoiando a formación de novos profesionais recibindo estudantes en prácticas.
O primeiro dos encontros tivo lugar este martes, 15 de outubro pola mañá no foro de networking Vertical Summit en Vigo. Xunto ao chef Estrella Michelín Pepe Solla e Santiago Salgueiro, creador de La Pepita Burger Bar, participou nunha mesa moderada sobre emprendemento e gastronomía. Moderados por Juanjo Figueroa Treus, presidente de Sumillers Galicia, Suárez Sánchez deu a coñecer aos máis de cen asistentes o labor da Fundación Juana de Vega como entidade que apoia o emprendemento e a creación de empresas no rural vinculadas, sobre todo, ao sector agroalimentario.
Neste punto, falou do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias que a Fundación Juana de Vega mantén con fondos propios desde 2012 e que, a finais deste mes, abrirá o prazo de inscrición para recibir candidaturas para a próxima edición. Nestes doce anos, a través desta iniciativa temos apoiado máis de 110 proxectos empresariais, dos cales o 80% chegaron a poñerse en marcha, e o 92% continúan no mercado xerando riqueza e emprego no rural de Galicia.
Na USC e UdC
Mañá mércores 16, acudirá ao I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra: Raíces do Coñecemento no campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría).
Aquí, resumirá a experiencia da Fundación Juana de Vega como socia de varios proxectos de I+D+i europeos, nacionais e autonómicos, vinculados a diversos sectores do rural. Na actualidade, estamos traballando en once proxectos financiados ou co-financiados polos programas Horizonte Europa, Life, Interreg Europe, Sudoe, Poctep, Fundación Biodiversidad e polos Grupos Operativos autonómicos financiados con fondos FEADER que supoñen un investimento de máis de 5,8M€ no rural de Galicia ata 2026.
Xa por último o venres 18, Beatriz Suárez foi convidada a participar nunha das mesas redondas das xornadas UDC XEST - VIII Xornadas de Orientación Profesional para Ciencias Sociais na Facultade de Socioloxía (Campus de Elviña da UDC). Aquí afondará nas posibilidades que entidades como a nosa ofrecen para as saídas profesionais no eido da investigación social. Precisamente, o curso pasado, dous estudantes de Socioloxía realizaron as prácticas profesionais de fin de grao e fin de máster na nosa entidade.