A Fundación Juana de Vega elaborará unha guía sobre a integración dos peches na paisaxe

Share

A sede da Fundación Juana de Vega acolleu hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Fundación e o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para a realización dos traballos dunha guía de integración paisaxística dos peches das propiedades en Galicia. Este convenio ampliará un traballo anterior, no que xa se estudaron as tipoloxías dos peches en doce áreas paisaxísticas, e que agora se completará facéndoo extensible ás 50 comarcas nas que se dividen esas doce áreas. O obxectivo é concretar nunha guía os criterios de calidade que sirvan para avaliar e mellorar a calidade da paisaxe galega. O orzamento previsto para este convenio ascende a 44.000 euros, en dúas anualidades, 2015 e 2016, pero o acordo poderá prorrogarse se as dúas partes así o consideran de muto acordo.

A conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, que asinou este convenio co presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, fixo fincapé na necesidade de contar cun "urbanismo responsable" e de fomentar o "diálogo e a participacion entre cidadáns, administración e expertos" como "o mellor camiño para conseguir a protección da paisaxe". A conselleira salientou a "achega de máis de 40.000 euros" para este proxecto, como mostra da "aposta da Xunta de Galicia pola paisaxe", que definiu como "un tesouro".

Pola súa banda, Enrique Sáez agradeceu a achega da Consellería de Medio Ambiente e resaltou a necesidade de concienciar á poboación galega sobre a paisaxe: "Non se pode amar o que non se coñece e a sociedade ten que ser consciente do que ten". Pola súa banda, Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe, lembrou que "os valados articulan toda a paisaxe de Galicia". "Por cuestións agrícolas e de propiedade, Galicia é unha maraña de valados?, explicou Aguirre, para engadir que ?este estudo vai establecer as tipoloxías máis características, estudando como os materiais procedentes da zona son os que priorizaban na sabedoría tradicional". Para Aguirre, os valados son "un dos elementos estruturais da paisaxe máis interesantes que existen, pola intensidade e a riqueza que teñen".

A Estratexia da Paisaxe de Galicia 2014-2016 sinala tres grandes obxectivos xerais: identificar os valores e potencialidades da paisaxe para a súa protección e xestión, potenciar a integración da paisaxe na acción do Goberno e avanzar na formación técnica e profesional e na concienciación social en xeral. Esta estratexia inclúe a posta en marcha de accións concretas, como definir os criterios de construción dos peches. Neste sentido, grazas ao convenio de colaboración entre o Instituto de Estudos do Territorio e a Fundación Juana de Vega, había moito traballo avanzado para poder elaborar a guía de boas prácticas e integración paisaxística dos peches en Galicia.

Os traballos levaranse a cabo polo grupo de investigación da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e polo equipo técnico do Instituto de Estudos do Territorio. A Consellería de Medio Ambiente aportará a base topográfica de Galicia, modelos dixitais do terreo e de superficies, ortofotografía actual e sistema de información de usos do solo. Haberá unha comisión de seguimento que se vai encargar de planificar, dinamizar e avaliar os traballos e promover actuacións específicas de colaboración.

A guía, que estará rematada en decembro de 2016, incluirá recompliación de información e estudos sobre a complexa realidade galega e a súa incidencia nos cerramentos, así como unha identificación das tipoloxías tradicionais de peches en Galicia por comarca paisaxística e o tipo de paisaxe, cunha cartografía específica. Tamén haberá unha listaxe de medidas e criterios de integración e minimización de impactos paisaxísticos na construción dos peches e modelos e propostas con novos materiais e tecnoloxías, ademais de anexos con fotografías, cartografías, información xeográfica e montaxes.

Elaborarase en galego, cunha copia en castelán, en formato A-4 ou dobrada para A-4. Toda a documentación farase en soporte dixital, de forma que se posibilite a súa publicación directamente na páxina web. A cartografía e os textos estarán tamén nun formato que permita a súa copia, modificación ou eliminación e as imaxes deberán recoller vistas panorámicas xerais idoneas para a análise paisaxística.

A publicación será posible grazas ao convenio asinado hoxe coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, resaltou a necesidade de concienciar á poboación galega sobre a paisaxe, para que sexa “consciente do que ten”

Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe, lembrou que “os valados articulan toda a paisaxe de Galicia”