A Fundación Juana de Vega é seleccionada para presentar nun Grupo Focal da EU CAP Network o proxecto de recuperación das variedades Branco Lexítimo e Agudelo

Share

Mañá e pasado (27 e 28 de novembro), Alfonso Ribas, director da Área de Innovación e Investigación da Fundación Juana de Vega, será un dos 20 expertos convidados para participar no primeiro Grupo Focal “Recursos xenéticos locais de plantas perennes ante o cambio climático e a perda de biodiversidade” organizado por EU CAP Network en Madrid.

Ribas presentará un proxecto pioneiro liderado pola Fundación Juana de Vega xa en 2007 para recuperación de variedades de uva ancestrais na Indicación Xeográfica Protexida de Betanzos (A Coruña), concretamente a Branca Lexítima e a Agudelo. Nesta investigación de tres anos, a entidade colaborou coa Misión Biológica de Galicia (CSIC), a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e a Asociación de Viticultores de Betanzos.

A Rede da PAC da UE é un foro a través do cal as redes nacionais da PAC, as organizacións, as administracións, os investigadores, os empresarios e os profesionais poden compartir coñecementos e información sobre agricultura e política rural.

Este será o primeiro dunha serie de encontros organizados pola Rede PAC da UE e que terán como resultado un documento que se presentará á Unión Europea con recomendacións arredor dunha pregunta principal: "Como poden a conservación e o uso de variedades locais infrautilizadas de cultivos perennes resultar atractivos e rendibles para os agricultores e contribuír así a unha agricultura sostible respectuosa coa biodiversidade no marco do cambio climático?" Os primeiros debates empezarán mañá e pasado neste Grupo Focal.

Foco na biodiversidade
Ademais de revitalizar a tradición vitivinícola da IGP Betanzos, que se remonta a máis de 1.200 anos, o proxecto liderado pola Fundación Juana de Vega buscaba promover a biodiversidade e a agricultura sostible. A innovación radicou na identificación e na recuperación de variedades autóctonas que non só enriqueceron o patrimonio vitícola de Galicia, senón que se integraron no rexistro de variedades comerciais, permitindo a súa comercialización baixo denominacións propias. Ademais, desenvolvéronse técnicas de cultivo específicas, adaptadas ao clima local, para maximizar o seu potencial.

Case tres lustros despois daquela investigación, os resultados socioeconómicos hai tempo que se perciben. Primeiro cun aumento do interese por parte de novos viticultores en dedicarse profesionalmente a este sector produtivo. Segundo, polo notable incremento do prezo e recoñecemento dos viños da IGP Betanzos no mercado.

Actualmente, a Fundación Juana de Vega continúa vinculada a esta zona a través do proxecto de innovación e innovación ECOSPHEREWINES, cofinanciado polo programa Interreg SUDOE. O seu obxectivo é mellorar o ecosistema de viñedos situados en zonas de alto valor ecolóxico a través da implementación dunha rede de infraestrutura verde para a súa conservación e xestión sostible. No piloto que se leva a cabo na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña), a Fundación Juana de Vega colabora coa adega local da IGP Pagos de Brigante.

Outros proxectos de innovación relacionados coa conservación da biodiversidade nos que ten participado a Fundación Juana de Vega son, entre outros, o da recuperación do oliveiral autóctono. Esta é unha investigación á que nos sumamos en 2017 e, que a día de hoxe, continúa activa a través do Grupo Operativo do mesmo nome. Ata 2027 desenvolveranse novas técnicas de multiplicación a grande escala (por estaca e microestaca in vitro) das variedades autóctonas da oliveira para responder á elevada demanda de planta polo sector.

A Fundación tamén mantivo un convenio coa Conselleria do Medio Rural para para potenciar a recuperación das variedades vexetais autóctonas de Galicia.