A Fundación Juana de Vega e o CFEA de Guísamo abren unha nova edición dos cursos de Viticultura e Fruticultura con máis de setecentas persoas formadas desde 2012

Share

A Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (AGACAL) organizan no Centro de Formación Experimentación Agroforestal de Guísamo unha nova edición dos cursos de Viticultura e Enoloxía, nivel avanzado (60 horas), e do curso de Fruticultura, que empezará polo módulo de Poda de árbores froiteiras (48 horas).

Nas últimas semanas, ambos promotores volveron recibir múltiples chamadas de particulares interesándose pola edición 2024 desta formación especializada, xa veterana para o agro galego e que desde 2012 nunca deixou de convocarse cun bo nivel de inscritos. As máis de setecentas persoas asistentes ata o momento dan conta do interese que ambas continúan tendo para os usuarios semiprofesionais ou afeccionados.

En ambos casos, trátase de formacións eminentemente prácticas cunha duración descontinua. O curso de viticultura abrangue de febreiro a decembro para poder facer o seguimento das vides en todos os estadíos fenolóxicos e así, ver in situ a evolución nos ciclos de vida e comportamento das vides co clima. O curso de poda de froiteiras prolongarase entre febreiro e xuño, igualmente, para actuar ao longo do desenvolvemento das diferentes variedades tales como árbores con pebida e carabuña, kiwis, castiñeiros ou cítricos. Todas as sesións, excepto a inauguración, terán lugar no CFEA de Guísamo (Bergondo, A Coruña), en horario de 16:00 a 20:00h.

O custo do curso de Viticultura e Enoloxía é de 150€ e o módulo de Fruticultura, de 100€. No primeiro caso, os interesados deben acreditar coñecementos previos ben por ter realizado a edición básica en anos anteriores, o ciclo en Paisaxismo e Medio Rural, Aceites de Oliva e Viño ou Vitivinicultura ou ter unha formación superior na rama.

Programa e inscricións
A inscrición e pagamento realízase a través da web da Fundación Juana de Vega, onde tamén se pode consultar o programa completo. Só se ofertan 20 prazas en cada curso.

Bolsas para alumnado do CFEA de Guísamo
Co fin de favorecer a formación complementaria do alumnado do CFEA de Guísamo, a maiores convócanse un total de 14 bolsas, 7 por cada curso, financiadas pola Fundación Juana de Vega que cobren os custos de matrícula. Prazo aberto ata o día 9 de febreiro de 2024.

FUNDACIÓN JUANA DE VEGA_CursoViticulturaAvanzado2024