A Fundación Juana de Vega e o CFEA de Guísamo abren a inscrición no curso de aproveitamento e transformación de produtos frutícolas

Share

A Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (AGACAL) abren a inscrición no último curso de formación en fruticultura que impartirán este ano e que estará dedicado ao aproveitamento e transformación de produtos frutícolas.

O curso, de nivel básico e carácter práctico, desenvolverase entre setembro e decembro en sete xornadas (40 horas) en horario de tarde (16:00 a 20:00h) entre o CFEA de Guísamo de Bergondo (AGACAL) e a sede da Fundación Juana de Vega. Tamén haberá unha visita de campo (data a concretar) e en decembro terá lugar a sesión de cata dos produtos elaborados coincidindo coa entrega dos diplomas.

O alumnado estudará as operacións de colleita e conservación da froita de maneira transversal a todas as producións frutícolas. Completarase con varios talleres prácticos para elaboración de zume de froitas, de sidra de mazá, de conservas e un último durante o que o alumnado aplicará outras técnicas de conservación tales como deshidratados, macerados, confeitados, xaropes, infusións ou licores. Ver programa completo aquí [PDF]

Inscrición abertas e bolsas para o alumnado do CFEA de Guísamo
A inscrición e pagamento realízase a través da web da Fundación Juana de Vega, onde tamén se pode consultar o programa completo. Só se ofertan 20 prazas e o custo é de 100€. A data de inicio é o xoves, 5 de setembro.

CURSO APROVEITAMENTO E TRANSFORMACIÓN DE PRODUTOS FRUTÍCOLAS 2024 | Fundación Juana de Vega

Co fin de favorecer a formación complementaria do alumnado do CFEA de Guísamo, os rapaces que asistiron aos cursos anteriores poden volver solicitar unha das bolsas financiadas pola Fundación Juana de Vega para cubrir os gastos da matrícula.