A Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal organizan a xornada “O rexurdir das aldeas”

Share

A Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal organizan o próximo xoves, 3 de outubro (10:00 a 17:30h) a xornada “O rexurdir das aldeas”. O obxectivo deste encontro multidisciplinar é promover o intercambio de ideas e boas prácticas sobre o desenvolvemento, rexeneración e recuperación das aldeas desde o enfoque da estratexia europea Smart Village. Esta iniciativa busca revitalizar as zonas rurais mediante a implementación de tecnoloxías intelixentes e enfoques colaborativos, co fin de crear comunidades máis dinámicas, sostibles e capaces de afrontar os retos do futuro.

A través de relatorios, mesas redondas e unha visita de estudo á aldea do Couto, durante o foro invitarase á reflexión sobre as claves para a dinamización dos núcleos rurais, a revitalización paisaxística e o fomento da sostibilidade. Así mesmo, preténdese proporcionar aos asistentes ferramentas e exemplos prácticos que poidan ser aplicados nos seus propios contextos para impulsar o desenvolvemento local e fortalecer as comunidades rurais.

Entre os relatores convidados están Juan Carlos Pérez, CEO do movemento e proxecto TIC Aldealista; Inés Santé, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela e antiga directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); Lucía Escrigás, técnica da Fundación RIA; Daniel Suárez, responsable de Somiedo LivingLab; e Diego Quiñoy, investigador do Centro Tecnolóxico Energy Lab. Por parte da Fundación Juana de Vega, participarán o director da entidade, José Manuel Andrade e a directora da Área de Desenvolvemento Rural, Beatriz Suárez, e os técnicos Francisco García e Nuria Freire.

Será unha xornada de reflexión destinada a repensar as aldeas como espazos de vida e traballo que se adapten á realidade e necesidades do século XXI. O propósito é buscar novas funcionalidades e modelos de co-gobernanza que permitan revitalizar estes núcleos rurais. “Non se trata de recuperar o que existía, senón de revitalizar as aldeas desde unha perspectiva contemporánea, promovendo a xeración de comunidade e dinamismo socio económico e cultural, contribuíndo así ao seu renacemento e á creación de novas oportunidades”, sinala José Manuel Andrade.

Destinatarios
A xornada está dirixida a calquera persoa interesada en impulsar o futuro das aldeas e núcleos rurais a través de innovacións e boas prácticas e, en particular, profesionais e técnicos do ámbito rural, empresarios e emprendedores rurais, persoal da administración pública, investigadores e académicos. O encontro tamén está aberto a alumnado de estudos relacionados co desenvolvemento rural, medio ambiente, paisaxe ou planificación territorial, así como á veciñanza e colectivos locais.

Os interesados poden inscribirse ata o mércores, 2 de outubro ás 14:00h no formulario habilitado na web da Fundación Juana de Vega aquí: https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/xornada-o-rexurdir-das-aldeas-o-couto-ponteceso.

Este encontro organízase no marco de colaboración conxunta que veñen mantendo a Fundación Juana de Vega e a Fundación Pondal, que comparten preocupacións sobre as problemáticas dos espazos rurais e a súa capacidade de ofrecer oportunidades de desenvolvemento sostible.

Ver o programa completo >>