A Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal continúan o debate sobre a necesidade de revitalizar as aldeas do século XXI desde unha perspectiva contemporánea

Share

Galicia conta con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado español. Con todo, desde hai décadas, o fenómeno do despoboamento do rural galego está a provocar que un número cada vez maior de núcleos queden completamente deshabitados. O que anteriormente puido ser un espazo cheo de vida e actividade, e que ademais axudaba a xestionar o territorio, converteuse nunha aldea abandonada ou case abandonada.

Conscientes e coñecedores deste problema, a Fundación Juana de Vega en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal organizaron esta mañá a xornada “O rexurdir das aldeas” co obxectivo de repensar estes núcleos rurais como espazos de vida e de traballo que se adapten á realidade e necesidades do século XXI. O propósito foi continuar o debate, xa iniciado nun foro anterior, para buscar novas funcionalidades e modelos de co-gobernanza non para recuperar o que existía, se non para revitalizar as aldeas desde unha perspectiva contemporánea, promovendo a xeración de comunidade e dinamismo socioeconómico e cultural, contribuíndo así ao seu renacemento e á creación de novas oportunidades desde o enfoque da estratexia Smart Village. Esta iniciativa europea busca potenciar as zonas rurais mediante a implementación de tecnoloxías intelixentes e enfoques colaborativos co fin de crear comunidades máis dinámicas, sostibles e capaces de afrontar os retos do futuro.

Tal e como lembrou Beatriz Suaréz, directora de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega durante a inauguración, o enfoque desta xornada encaixa moi ben cos fins da Fundación Juana de Vega “desde a que estamos a contribuír a través de varios proxectos para dinamizar o rural galego”. Entre outros, a colaboración coa Xunta de Galicia para elaborar os primeiros plans de dinamización das coñecidas como Aldeas Modelo, nalgunha das que desenvolveron intervencións paisaxísticas. Así mesmo, a través do seu Programa de Apoio financiado con fondos propios, a Fundación Juana de Vega acompañou e titorizou a máis de 120 emprendedores e empresas do sector agroalimentario por toda Galicia, de enorme importancia para a dinamización do rural. Promoven tamén proxectos que teñen por obxectivo o desenvolvemento de actividades que contribúen a xestionar o territorio e facelo máis resiliente fronte aos incendios forestais.

Pola súa banda, Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal, puxo en valor a traxectoria e influencia da súa entidade para ser exemplo para outros proxectos similares que queiran apostar por recuperar as súas aldeas.

Diferentes experiencias cun fin común
A través de relatorios e unha mesa redonda, os sete convidados, chegados de diferentes puntos de Galicia e de Asturias, reflexionaron desde a súa experiencia e traxectoria sobre as claves para a dinamización dos núcleos rurais, a revitalización paisaxística e o fomento da sustentabilidade. Pola tarde, houbo unha visita de estudo á aldea do Couto para analizar a súa evolución no tempo e potencial de cara ao futuro.

Inés Santé, doutora enxeñeira agrónoma, investigadora do Laboratorio do Territorio da USC e exdirectora do Instituto de Estudos do Territorio e da Axencia de Desenvolvemento Rural, abriu a mañá presentando as claves xerais da estratexia europea Smart Village. A continuación, deu paso a Francisco García, técnico de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, que centrou a súa intervención no tema “A dinamización dos núcleos rurais”.

Tras a pausa café, durante a mesa redonda, os cinco relatores, con perfís moi diferentes, e moderados por Beatriz Suárez, presentaron as claves para a rexeneración paisaxística e a dinamización local en base á súa experiencia vital e profesional. O panel estaba formado por Juan Carlos Pérez, fundador da plataforma TIC Aldealista, coñecida como o “Tinder das aldeas”, que naceu na aldea ourensá dos seus avós, Castiñeiro (San Xoán de Río). Acompañárono outro emprendedor tecnolóxico, Daniel Suárez, responsable da “autoescola de emprendemento” Somiedo LivingLab, localizada na aldea de Caunedo (Asturias); Lucía Escrigás, coordinadora de proxectos da Fundación RIA, creada polo arquitecto David Chipperfield en 2017; e Diego Quiñoy, investigador do Centro Tecnolóxico Energy Lab que colabora no proxecto europeo Aldealix para a posta en marcha de comunidades enerxéticas rurais de aproveitamento da biomasa. Por parte da Fundación Juana de Vega participou a paisaxista Nuria Freire, que tamén dirixiu a visita de estudo vespertina.

Este foro de coñecemento espertou gran interese, reunindo na aldea do Couto (Ponteceso, A Coruña), e nun día laboral, a setenta persoas de diferentes idades e perfís profesionais, académicos e vitais. En xeral, o público mostrouse moi participativo en todas as quendas de palabra expoñendo as desvantaxes e trabas de vivir no rural, pero tamén as oportunidades e gratificacións que lles achega.

A xornada “O rexurdir das aldeas” enmárcase na colaboración conxunta da Fundación Juana de Vega e a Fundación Pondal, que comparten preocupacións sobre as problemáticas dos espazos rurais e a súa capacidade de ofrecer oportunidades de desenvolvemento sostible.

Tal e como lembrou Beatriz Suaréz, directora de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega durante a inauguración, o enfoque desta xornada encaixa moi ben cos fins da Fundación Juana de Vega.