
A Fundación Juana de Vega e a Asociación de Propietarios Forestais A Croa de Camariñas reforzan a súa colaboración para avanzar na ordenación e aproveitamento sostible do monte. Ambas as entidades formalizaron este xoves un convenio que contempla unha achega de 15.000 euros e o apoio do persoal técnico da Fundación. O acordo foi asinado polo presidente da Fundación, Enrique Sáez Ponte, e a presidenta da Asociación, Chus Castro Candal.
A sinatura tivo lugar no Casino de Camariñas, durante a charla informativa “Traballar xuntos polo territorio: colaboración e apoio para a xestión do monte”, organizada por A Croa e presentada polo xornalista e vogal da Asociación Xusto López Carril.
O acordo dá continuidade ao traballo iniciado en 2025 e permitirá impulsar actuacións de mellora silvícola, recuperación de superficies forestais, prevención de incendios e conservación do patrimonio natural e cultural, así como explorar novas oportunidades de aproveitamento dos recursos do monte.
Un dos principais resultados desta colaboración foi a constitución dunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta básica que reúne máis de 80 hectáreas de superficie rexistrada, correspondentes a 630 parcelas forestais de 60 titulares. A agrupación continúa ampliándose coa incorporación de novos propietarios, un proceso que require identificar parcelas, aclarar titularidades e resolver discrepancias catastrais, co acompañamento técnico da Fundación.
Este modelo permite superar as limitacións do minifundio e avanzar cara a unha xestión planificada e coordinada do monte, facilitando a elaboración de plans de ordenación forestal, a implantación de sistemas de certificación forestal e o desenvolvemento de actuacións de mellora e aproveitamento dos recursos. Todo iso contribúe a mellorar a viabilidade económica e ambiental das superficies forestais a longo prazo.
O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, destacou que “a experiencia de A Croa demostra o potencial da cooperación entre propietarios para facer viable a xestión de superficies forestais fragmentadas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento no medio rural galego”.
