Oleiros, 22 de febreiro de 2019.- A Fundación Juana de Vega presentou hoxe os resultados do proxecto de investigación para a mellora xenética do carballo autóctono e entregou 300 exemplares de carballos autóctonos a diferentes institucións: as comunidades de montes veciñais de Teis e de Monte Xalo, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Fragas do Mandeo e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego. No acto de entrega estiveron presentes Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), e Enrique Martínez Chamorro, director do Centro de Investigación Forestal (CIF) Lourizán, da Xunta de Galicia.
O acto enmárcase no proxecto de investigación impulsado e financiado pola Fundación Juana de Vega e que desenvolveu desde 2015 o CIF Lourizán da Xunta de Galicia, para mellorar a xenética do carballo galego co obxectivo de sentar as bases para a produción de planta certificada e promocionar o uso do carballo autóctono, unha árbore que está sendo substituída por carballos foráneos.
No acto estiveron presentes o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e máis o director xeral da Agacal (Axencia Galega de Calidade Alimentaria), Manuel Rodríguez Vázquez, e o director do Centro de Investigación Forestal (CIF) Lourizán Enrique Martínez Chamorro. Enrique Sáez puxo de manifesto a súa satisfacción como presidente da Fundación por formar parte deste proxecto, co que se conseguiu alcanzar a trazabilidade do mellor carballo galego. Pola súa banda, o director da Agacal quixo agradecer o compromiso da Fundación Juana de Vega pola súa implicación na recuperación do patrimonio autóctono galego, desde a oliveira ata a mazá de sidra, o castiñeiro, a uva de Betanzos e agora tamén o carballo, establecendo os alicerces para subministrar ao sector alternativas para non abandonar as fincas rústicas. “Galicia é o que é pola nosa singularidade, o noso territorio e a xenética das nosas especies naturais, polo que é importantísimo protexelo de cara ás xeracións futuras”, sinalaba Manuel Rodríguez, para engadir que non se trata só dunha cuestión de identidade, senón tamén de motor económico para o desenvolvemento rural. O encargado de presentar os resultados do proxecto foi o director do CIF Lourizán, que indicou que o carballo é a especie autóctona máis importante de Galicia en canto a superficie ocupada, pero con poboacións moi envellecidas, o que facía necesario crear unha poboación de conservación para protexelo. O proxecto consistiu na recollida de 24.000 landras en dez rodais selectos de Quercus robur L. para a súa posterior xerminación e cultivo en dous viveiros asociados a Vifoga (Asociación de Viveiros Forestais de Galicia). As landras foron cultivadas nestes viveiros durante dous anos, momento no que se seleccionaron os mellores exemplares, en concreto 3.615 carballos, implantados en catro fincas de titularidade da Xunta de Galicia en Trasmiras, Chantada, Santa Comba e Lourizán. Estas parcelas, rexistradas como campos de plantas nai de Galicia, servirán para a conservación, selección e multiplicación do material forestal identificado procedente de sementes con certificado patrón dos rodais selectos. Por outra banda, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, está a ensaiar técnicas de cultivo in vitro para a posterior multiplicación e comercialización de planta certificada de carballo autóctono de Galicia a partir dos exemplares seleccionados neste proxecto.
Resultados acadados
Entre os resultados acadados está o rexistro como campos de plantas nai de catro parcelas públicas -con plantas seleccionadas de rodais selectos- que serven como fonte de material de base de calidade asegurando a súa adaptabilidade e mellorando a calidade das plantacións forestais de carballo (crecemento, fuste, calidade da madeira, resistencia, etc). En segundo lugar, a creación dunha oferta privada por parte de viveiros forestais de Galicia, de material vexetal que permita plantar estas árbores en leiras privadas ou en intervencións públicas en parques e xardíns urbanos e periurbanos. E por último, dispoñer de material de base para o ensaio do cultivo in vitro do carballo autóctono.