A Fundación Juana de Vega distingue tres proxectos nos Ancares, Vilagarcía e Santiago no Premio de Intervencións na Paisaxe na categoría de Espazos Exteriores

Share

Oleiros, 7 de novembro de 2019.-A Fundación Juana de Vega entregou hoxe o seu Premio de Intervencións na Paisaxe, que busca poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio. No acto, que tivo lugar esta mañá na sede de Oleiros, estiveron presentes a o director do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Guillermo Evia; o presidente da Fundación, Enrique Sáez, e a secretaria do xurado, Inés Santé. Ao acto acudiron tamén representantes institucionais, como apoio aos proxectos ganardonados e os seus autores, procedentes dos Ancares, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela. En concreto, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez Núñez, acompañado polo tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Deportes, Claudio Vázquez Pérez. Desde Vilagarcía acudiron Alberto Varela Paz, alcalde da localidade, Paola María Mochales, concelleira de Urbanismo, e Santos Héctor Rodríguez, deputado provincial. Compostela estivo representada por Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, e Ignacio Ferrada, director da Área de Urbanismo.

No transcurso da presentación, Enrique Sáez sinalou que para a Fundación este premio é moi importante dentro de toda a actividade que desenvolve a entidade, porque “aprendemos a seguir apostando pola diversidade e a apoiala, para o que hai que ter a mente moi aberta”. Neste sentido, lembrou que “hai moita xente traballando en ámbitos da paisaxe, facendo cousas que son grandes para o país”, engadindo que “para nos é fundamental saber escoitalos”, co fin de seguir apoiando o desenvolvemento rural de Galicia.

Pola súa banda, Guillermo Evia salientou o exito da convocatoria que se reflicte no importante número de candidaturas presentadas e felicitou aos autores dos proxectos premiados. Engadiu que desde a Xunta de Galicia estase a traballar en diversos regulamentos relacionados coa protección da paisaxe, como o desenvolvemento da Lei de Protección da Paisaxe de Galicia ou o Pacto pola Paisaxe e accións de intervención en áreas de especial interese paisaxístico, para a posta en valor dos seus elementos do patrimonio natural.

A secretaria do xurado, Inés Santé, foi a encargada de ler a acta do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na categoría de Intervencións en espacios exteriores. O equipo de expertos decidiu declarar deserto o premio pero concedeu tres accésits, un máis dos previstos. O primeiro foi o traballo denominado “Dinamización rural a través dunha ruta de sendeirismo”, presentado pola Asociación Castaño y Nogal, nos Ancares, na cuncas dos ríos Donsal e Navia. O xurado valorou a importancia da dinamización dunha zona de montaña cunha poboación escasa e envellecida, a través da posta en valor da súa contorna natural e das construcións que hai nese espazo. “É de salientar a boa execución das pequenas intervencións realizadas no sendeiro, empregando materiais do lugar e integrándoas con total respecto do espazo natural circundante”, indícase na acta. Tamén se destaca que se trata dunha iniciativa impulsada pola sociedade civil, cuns medios moi limitados. O presidente da Asociación Castaño y Nogal, Antonio Álvarez, recolleu o galardón e destacou a riqueza da paisaxe onde se realizou a intervención, explicando que ésta consistiu en poñer en valor un legado ancestral e poñer ao descuberto a riqueza etnográfica oculta pola maleza, revertindo unha situación de abandono e resignación da poboación local devolvéndolle un tesouro do seu patrimonio natural, o que constituiu o reto maior ao que se enfrontaron en total soidade.

No segundo accésit, o xurado resaltou o preciso traballo da “Escola Infantil en Vilaxoán” (Vilagarcía de Arousa) do arquitecto Iago Fernández Puentes. Tratábase de construír unha escola nunha zona complexa, con edificios desordenados, varias rúas e un campo de fútbol. A aparición do centro de ensino, un edificio alongado en curva, nesa contorna é unha resposta moi axeitada máis alá dos requirimentos esixidos para cumprir a súa función, pois, coa súa presenza, harmoniza o espazo que a rodea. O xurado valorou que a solución atopada resulta de alta calidade estética, presentando, cara a rúa, unha fachada que simula un pequeno grupo de diferentes casiñas en ringleira, comunicadas con un corredor soterrado. O arquitecto recolleu o galardón acompañado por varios colaboradores e representantes institucionais. Explicou as características do proxecto, implantado nun espazo que sufriu un proceso de degradación, cunha economía mixta, mariñeira e agrícola, e o obxectivo foi integrar a escola no núcleo de Vilaxoan, sen que a urbanización dunha gran superficie supuxera un choque coa contorna.

Finalmente, o terceiro accésit otorgouse a “Hortas de Caramoniña” en Santiago de Compostela, de Abalo Alonso Arquitectos. O proxecto cumpre co seu obxectivo de resolver unha topografía complexa con usos de hortas urbanas, enriquecendo un espazo comprendido entre o valioso Parque de Bonaval e as edificacións circundantes. É de destacar o deseño das mesmas, coa conservación dos elementos preexistentes, e a incorporación dos muros, as escaleiras e os camiños de pedra, está ben resolto e enriquece o lugar. Recolleron o galardón Elizabeth Abalo y Gonzalo Alonso, acompañados por representantes institucionais. Explicaron que con este proxecto trataron de cubrir un oco de espazos faltos de intervención, nunha das zonas que conecta unha das colinas da cidade co casco histórico, con moito desnivel e unhas vistas impresionantes á Catedral. Tras estudar o desnivel para resolver a pendente do espazo, optouse por xerar un percorrido accesible a través de rampas que conectan o casco histórico co barrio da Almáciga. Recuperouse o uso dos terreos como hortas urbanas, como un espazo de ocio e relación entre os veciños.

Asemade, o xurado acordou mencionar a calidade e o papel integrador doutras intervencións como o ascensor para acceder á muralla de Lugo, de Antonio Pernas, e a piscina e urbanización exterior na Finca das Rozadas, en Chandebrito – Nigrán, de Ana Isabel García Boutureira.

O xurado do premio estaba composto por Juan Manuel Palerm Salazar como presidente e Isabel Aguirre de Urcola como secretaria, e Inés Santé Riveira, Enrique Sáez Ponte, Pedro Calaza, María Isabel Iglesias, Covadonga Carrasco e Teresa Andressen como vocais.

Os gañadores dos tres accésits deste galardón, un máis dos previstos, foron os traballos “Dinamización rural a través dunha ruta de sendeirismo”, “Escola infantil en Vilaxoán” e “Hortas de Caramoniña”