Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, e Pedro Calaza-Martínez, director da Escola Galega da Paisaxe, participaron este xoves, 3 de abril no último dos cinco talleres convocados pola Comisión Coruña Marítima para estudar e debater novas propostas para a construción da futura fachada litoral da cidade.

A temática desta xornada estivo centrada en medio ambiente, enerxía e auga, lembrando erros cometidos para poder idear un espazo máis verde e sostible que axude a potenciar o desenvolvemento de toda a contorna urbana.
Na súa quenda de palabra, Enrique Sáez defendeu que tres son os elementos para aproveitar e recuperar: "Vento, árbores e transporte ferroviario", enumerou referíndose con este último á liña de tren que chega ata o centro da cidade a través do porto e que ten un gran potencial para a mobilidade sostible de persoas e conexión coa área metropolitana. Ademais, como explicou, "para ter calidade de vida é preciso verde, espazos para camiñar e contacto co mar".
Pola súa banda, Pedro Calaza, lembrou plans urbanísticos pasados que se descartaron "por ter demasiados espazos verdes"; un erro que a transformación portuaria "ecofuncional" pode axudar a corrixir.
Neste taller participaron profesionais e asociacións do ámbito climático e medioambiental como VIRATEC - Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, Emalcsa, Grupo Gestán, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Universidade da Coruña, Concello da Coruña, AGH2 - Asociación Gallega del Hidrógeno, Grupo Naturalista Hábitat, Adega, Instituto Enerxético de Galicia e CEIDA - Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.
Todas as propostas presentadas neste quinto taller serán estudadas nunha próxima reunión das administracións á fronte de Coruña Marítima. Teranse en conta tamén as máis de 60 ideas recollidas na web, e elaborarase un informe que será público.
Que é a Comisión Coruña Marítima?
A Comisión Coruña Marítima é un grupo de traballo técnico que dirixe o proceso de transformación e reordenación do espazo portuario interior da cidade da Coruña. Está formado por representantes do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible, a entidade pública empresarial Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o organismo público Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña.