Oleiros, 27 de outubro de 2022.- A Fundación Juana de Vega convoca a undécima edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (PAEA) co obxectivo de axudar aos emprendedores no deseño e implantación real das súas iniciativas empresariais e tamén a negocios xa en funcionamento que precisan abordar proxectos de mellora ou expansión, unha revisión da súa estratexia ou ben lanzar un novo produto. O propósito final é contribuír a acadar unha maior profesionalización do medio rural galego.
O XI PAEA conta para isto con dúas modalidades. A primeira, denominada “Emprendemento” e orientada á creación de novas empresas, busca colaborar cos novos emprendedores no desenvolvemento das súas ideas empresariais, converténdoas en proxectos de negocio e materializándoas despois en empresas reais, innovadoras e competitivas, minimizando o risco de fracaso. A segunda, “Crecemento e consolidación” e dirixida ao desenvolvemento de empresas xa existentes, pretende axudar a autónomos, pemes e micropemes para mellorar o seu funcionamento a través da titorización na toma de decisións nas áreas de negocio que o requiran. Entre elas, revisar a súa definición e organización estratéxica, realizar unha investigación de mercado, crear un plan de marketing ou comercial, desenvolver unha estratexia online, revisar os seus plans de financiamento, facer un estudo económico ou mellorar o seu control de xestión.
Este ano, ademais, a Fundación impulsa o I Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario, no cal un xurado experto elixirá o mellor proxecto entre os participantes na categoría de “Emprendemento”. O premio consiste nun cheque por valor de 3.000 euros que o/a gañador/a poderá usar en sesións de apoio con mentores designados durante un período de 5 meses.
As inscricións para ambas modalidades poderán realizarse ata o 30 de novembro na páxina web da Fundación Juana de Vega (programa.juanadevega.org), onde tamén é posible consultar as bases.
No programa poderán participar proxectos e negocios dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como iniciativas de base tecnolóxica e servizos relacionados con estes campos, que se desenvolvan no ámbito xeográfico de Galicia e poñan en valor os recursos do territorio.
O XI PAEA consta de tres fases. A primeira, que se desenvolverá en xaneiro de 2023, consistirá na selección de proxectos, que se realizará a través dun obradoiro de ideas empresariais de 10 horas de duración e cun máximo de 24 candidatos para analizarán as propostas e os candidatos, e elixirase a 5 emprendedores e un máximo de 6 empresas xa existentes para pasar a seguinte fase. A segunda fase, de febreiro a xullo, suporá o desenvolvemento dos proxectos seleccionados, que recibirán formación, titorización e asesoramento. A última parte é a posta en marcha das iniciativas, entre setembro e decembro do 2023, e o seu obxectivo é apoiar e facer seguimento da empresa na implantación do seu proxecto. Para iso, os seleccionados recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de subvencións ou axudas, na captación de recursos financeiros e en calquera outro tipo de necesidade para garantir o éxito da iniciativa.
A Fundación oferta con éxito o apoio ao emprendemento rural desde fai máis de 10 anos. De feito, nas dez primeiras edicións do PAEA participaron un total 100 iniciativas empresariais procedentes de toda a comunidade autónoma, das cales o 78% materializáronse en empresas. Ademais, o 92% delas mantiñan a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra moi superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España.