A Fundación Juana de Vega convoca o IV Programa de Emprendemento Agroalimentario

Share

A Fundación Juana de Vega convoca a cuarta edición do Programa de Emprendemento Agroalimentario, co obxectivo de axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas.

A iniciativa vai dirixida a emprendedores, sen limitación de idade ou formación académica, con diferentes proxectos: empresas de nova creación, sucesión e recuperación de empresas e explotacións familiares, posta en valor de activos rurais improdutivos ou posta no mercado de novos produtos ou servizos innovadores. En xeral, no programa, pode participar calquera proxecto individual ou colectivo de carácter innovador que poña en valor os produtos agroalimentarios galegos. Tamén se poden presentar proxectos relacionados co sector forestal e mesmo acuícola, pesqueiro e marisqueiro.

No proceso de selección de candidatos, prestarase especial atención a proxectos que xurdan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que presenten un alto grado de diferenciación baseado na calidade e na innovación, que teñan unha clara orientación ao mercado e que poñan en valor os recursos do territorio.

Como novidade nesta edición, o programa consta dunha fase inicial na que poderán participar ata un máximo de 32 emprendedores. O obxectivo desta fase é axudar ao maior número posible de persoas a estruturar as súas ideas empresariais, para de entre estes emprendedores, seleccionar as 10 mellores ideas con base a actitude e aptitudes do promotor, o tipo de proxecto, a calidade dos produtos ou servizos ofrecidos, o grado de innovación, a orientación ao mercado e a viabilidade económica da iniciativa.

Os dez emprendedores seleccionados comezarán a traballar nas seguintes fases do programa para o que recibirán formación e asesoramento individualizado por parte dunha consultoría especializada, co fin de elaborar un plan de negocio rigoroso, que permita implantar a empresa no mercado coas maiores garantías de éxito posibles. Na última fase do programa, axudaráselles a implantar a empresa no mercado. Para iso recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de subvencións ou axudas, na captación de recursos financeiros e en calquera outro tipo de necesidade que poida ter o emprendedor para garantir o éxito da iniciativa.

As persoas interesadas en participar no programa, poden facelo a través da páxina web da Fundación Juana de Vega, onde atoparán un formulario co que poderán anotarse ata o 31 de decembro de 2015.

Nesta iniciativa, que se enmarca dentro dos obxectivos da Fundación de mellorar o tecido empresarial agroalimentario galego, fomentando a súa competitividade e produtividade, colaboran a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Igape, a Caixa Rural Galega e XesGalicia.

O programa ten como obxectivo apoiar de xeito proactivo a implantación de novas empresas con propostas innovadoras, a xeración de valor engadido e a profesionalización dos emprendedores do medio rural