A Fundación Juana de Vega convida aos principais estudos de paisaxismo internacionais a reflexionar sobre o futuro do borde litoral da Coruña

Share

A Fundación Juana de Vega organiza en setembro as xornadas internacionais "Paisaxes litorais consilientes" na súa sede de San Pedro de Nós (Oleiros) para enriquecer o debate e abrir unha aposta reflexiva sobre o futuro da cidade da Coruña. O encontro conta co apoio da Deputación da Coruña a través das “Subvencións a entidades sen fin de lucro para o cofinanciamento de proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente (DP0031/2025)”.

As grandes áreas industriais en desuso, algunhas infraestruturas obsoletas e os espazos intermedios convertéronse nos últimos anos en lugares de oportunidade para deseñar sistemas ecolóxicos resilientes e adaptativos, establecendo novas relacións cos contextos urbanos e sociais. Estes lugares, anteriormente relegados ás marxes do crecemento urbano, representan hoxe en día epicentros para a experimentación e o estudo de novos paradigmas de urbanización sostible e máis integradora.

Neste sentido, e como xa ten recordado a Fundación Juana de Vega durante a súa participación na Comisión Especial da Fachada Marítima, tras a liberación dos terreos portuarios, o borde litoral da Coruña sitúase no centro dun debate complexo con múltiples intereses, actores e perspectivas, que necesariamente debe avanzar cara a unha planificación integrada que recolla as visións de expertos, cidadanía e institucións nun marco unificado de entendemento. É por isto que as próximas xornadas internacionais "Paisaxes litorais consilientes" estarán enfocadas no desenvolvemento sostible dos bordes litorais desde a perspectiva da paisaxe, do capital natural e da infraestrutura verde, tomando como caso de estudo a cidade da Coruña.

Durante os catro venres de setembro (5, 12, 19, 26) e o sábado 27, os asistentes terán oportunidade de escoitar, falar e recoller a visión de recoñecidos estudos de paisaxismo referentes como Gustafson Porter + Bowman (Londres), da man da socia e fundadora Mary Bowman; de West8 (Róterdam), que estará representado polo seu director creativo Daniel Vasini; de STOSS (Boston), desde onde viaxará o socio e director Chris Reed, ou de Edward Fox, profesor titular de Arquitectura da Paisaxe na Manchester University (Manchester).

Bowman dirixirá, ademais, o obradoiro de planificación integrada dos días 26 e 27, que inclúe visita de campo á área de estudo.

De España, os relatores serán Julián Sastre, presidente do Instituto de Movilidad de España; Alfonso Vegara, presidente da Fundación Metrópoli (ambos con sede en Madrid); e Francisco Javier Álvarez, xefe do Servicio Xurídico da Autoridad Portuaria de Santander (Cantabria). Ademais, en todas as xornadas participarán actores locais que, a través de mesas redondas centradas en distintas temáticas, achegarán perspectivas clave sobre o caso de estudo.

A través da combinación de coloquios con relatores expertos en distintas materias, a presentación de casos prácticos a escala nacional e internacional, a visita de campo e o taller práctico búscase xerar e difundir coñecemento, fomentar a participación activa, achegar solucións innovadoras e asegurar a integración paisaxística e ecolóxica no deseño urbano.

En definitiva, o obxectivo principal deste encontro, como apuntan desde a Fundación Juana de Vega, “será enriquecer o debate e facilitar a toma de decisións consensuadas e aliñadas coas directrices das principais normativas da paisaxe”. Entre elas, a Lei da Restauración da Natureza en Europa, a Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e a súa homóloga galega, recentemente aprobada, promoven a resiliencia do sistema terra-mar e a súa convivencia coa identidade cultural da cidade.

Prazas limitadas e inscricións online
As xornadas internacionais "Paisaxes litorais consilientes" terán lugar en formato presencial na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós (Oleiros, A Coruña) os venres 5, 12, 19, 26 e o sábado 27 de setembro. En total, habilitáronse 50 prazas para todas aquelas persoas que queiran participar neste debate. O prezo xeral é de 100€ e 30€ para estudantes.

As inscricións fanse a través do formulario online habilitado na web da entidade, no que tamén se pode consultar o programa completo das xornadas: https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/xornadas-internacionais-paisaxes-litorais-consilientes/