A Fundación Juana de Vega concede aos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco o seu Premio de Intervencións na Paisaxe

Share

Oleiros, 3 de decembro de 2018.- Os arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco son os gañadores do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na súa categoría de vivenda unifamiliar rematada nos anos 2015, 2016 e 2017, pola súa obra "Casa C", situada en Cee. Trespes Arquitectos obtivo un accésit polo seu proxecto “Rehabilitación e ampliación de vivenda unifamiliar en Elviña”.

Obra: Casa C- Cee
Autores: Arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco

No caso da obra gañadora, o xurado valorou a calidade xeral do edificio, que inclúe múltiples solucións interesantes e novidosas, tanto no emprego dos materiais, con referencias aos que existen na zona, como na transición dos espazos nas tres alturas do edificio ou no muro curvo de madeira que recolle os roupeiros da entrada. É de salientar que unha obra de arquitectura tan avanzada se acolle con naturalidade e satisfacción polos propietarios da vivenda, que traballan na zona, e que foi executada por unha empresa da comarca.

Obra: Rehabilitación e ampliación de vivenda unifamiliar en Elviña- A Coruña
Autor: TRESPES arquitectos

No accésit, cómpre resaltar o preciso traballo realizado para tirar partido en todos os sentidos –funcionalidade, iluminación natural, illamento térmico– da restauración dunha modesta casiña inserida no pequeno núcleo urbano de Elviña, dentro do Concello da Coruña. Un exemplo salientáble de respecto aos valores da edificación preexistente e de resolución das necesidades dos seus propietarios, que se manifestan moi compracidos polo resultado.

Finalistas

Asemade, na liña da obra de Elviña que obtivo o accésit, destaca ás outras dúas obras finalistas visitadas: A remodelación da Vivenda en A Lonia, en Ourense, do arquitecto Kiko Jorreto Díaz, e a Casa da Viña, no Concello de Allariz, dos arquitectos Juan Seara Oro e Berta Peleteiro.

Obra: Casa da Viña- Allariz
Autores: Arquitectos Juan Seara e Berta Peleteiro

Nos dous casos trátase de bos exemplos de recuperación de casas con valor histórico, que ademais de obter a súa adaptación aos fins procurados polos promotores, conseguen un enriquecemento da paisaxe urbana na que están inseridas, mellorando unha contorna afectada por diversos niveis de degradación.

Obra: Remodelación de vivenda na Lonia- Ourense
Autor: Quico Jorreto Díaz

Entrega de premios

Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, agradeceu a presenza dos asistentes a este acto, que se vive cada ano coma "unha festa da arquitectura" e que é unha mostra "da capacidade da sociedade civil de facer cousas". Sáez falou da casa que acolle a sede da Fundación Juana de Vega e da evolución da sociedade, que cada ano lle presta máis atención á paisaxe, destacando o labor da directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, quen tamén foi a encargada de ler a acta do premio.

Cristóbal Crespo, representante do Colexio de Arquitectos de Galicia, falou da "capacidade para interpretar a paisaxe a través dun elemento catalizador como é a vivenda, distintiva na nosa xeografía e cultura". "Para o galego, a vivenda ten un significado que vai moito máis alá do feito de habitar, serve para interpretar o lugar", engadiu.

Os gañadores do accésit, Trespes Arquitectos explicaron as condicións de rehabilitación da casa de Elviña, onde quixeron destacar especialmente o patio interior. Pola súa banda, Juan Creus referiuse á protagonista que lle deu o premio, compartido coa súa compañeira Covadonga Carrasco, "unha casa que levou tempo porque aínda que se fixo en un ano levou tres de papeleo". Carrasco, quen lembrou que "o traballo primeiro do arquitecto é a casa, non é o encargo pequeno, senón o grande", foi a encargada de explicar as características da obra, nun solar catro metros por riba da estrada. A arquitecta explicou que se trata "duhna casa enriba dun muro" e que a xente de Cee pensaba que era "un bunker" pola fachada que se vía dende a estrada e que contrasta coa fachada do xardín, completamente acristalada. Por último, destacou a "utilización de pedras da zona, granito moreno coma o do monte Pindo mezclado con formigón" e a escaleira interior de madeira, que é "coma unha peza escultórica".

Os propietarios das vivendas distinguidas co accésit, Juan Antonio Ramírez, e co premio, Juan Castiñeira, que son os que "gozan da casa", tal como explicou Sáez, tamén levaron unha placa para poñela no exterior e salientar así a súa singularidade.

A obra gañadora, “Casa C”, é unha casa situada en Cee que emprega materiais da zona e con múltiples solucións interesantes e novidosas

Trespes Arquitectos obtivo un accésit pola rehabilitación e ampliación dunha vivenda unifamiliar en Elviña

O xurado tamén salientou as outras dúas finalistas, a remodelación da Vivenda en A Lonia, Ourense, do arquitecto Kiko Jorreto Díaz, e a Casa da Viña, en Allariz, de Juan Seara Oro e Berta Peleteiro