A Fundación Juana de Vega concede á cooperativa Vélaro o I Premio ao Emprendemento Agroalimentario

Share

A Fundación Juana de Vega acolleu hoxe durante toda a xornada na súa sede en Oleiros a presentación dos 11 proxectos que neste 2023 estiveron medrando e desenvolvéndose ao abeiro do seu XI Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias para continuar “tecendo o futuro da Galicia rural”, como reza o lema desta iniciativa de asesoramento especializada, intensiva e gratuíta que a entidade mantén con fondos propios desde 2012. “O apoio aos emprendedores é unha tarefa central para a Fundación Juana de Vega. Son axentes dinámicos da sociedade civil que crean riqueza. Eles aprenden aquí a consolidar e facer crecer as súas iniciativas e nós aprendemos deles novas oportunidades de mellora do noso mundo rural”, aseguraba Enrique Sáez Ponte, presidente da entidade, na inauguración.

O obxectivo do encontro foi que Juan e Severino, Boris e Eva, Romina e Sergio, Amaia e Raquel, outra Raquel, Alejandro e Stanislav, Pepe, Vanessa e Óscar desen a coñecer publicamente, tras case 700 horas de titorización, os proxectos que maduraron nos pasados doce meses radicados por toda a comunidade. En Boborás, O Bolo, Alfoz, Lourenzá, Lugo, Palas de Rei, Vilalba, A Capela, A Laracha, Sobrado dos Monxes ou Tomiño. Tamén foi o momento de presentalos a potenciais proveedores, clientes, financiadores ou incluso asociados clave. De feito, entre os asistentes ao demoday había representantes das principais distribuidoras alimentarias de Galicia.

A novidade desta edición foi a entrega do I Premio ao Emprendemento Agroalimentario á cooperativa Vélaro de produtores de ovino e de caprino (sede Lugo), entre as cinco iniciativas desta modalidade. Os outros candidatos eran: recuperación do porco silleiro na aldea modelo de Penedo (Boborás); Color Caléndula para cría combinada de peixes e cultivo de hortalizas a través do método da acuaponía (Vilalba); Porto do Corgo para transformación de derivados da castaña (A Capela); e Raquel Biskaia, de produción de viño natural e de autora (O Bolo).

O xurado destacou a necesidade de apoiar este tipo de iniciativas de economía social que aglutinan unha produción cárnica con gran potencial en Galicia e que, ao tempo, xoga un papel moi importante na xestión do territorio.

Grazas ao apoio da Fundación Juana de Vega neste 2023, detectaron os problemas internos e definiron solucións co obxectivo de converterse en referentes en comercialización e distribución da carne das gandarías asociadas. Vélaro, constituída en 2011, agrupa a case un centenar de produtores das 4 provincias. É a única cooperativa de ovino e caprino en Galicia. O galardón está valorado nun cheque equivalente a 3.000€ en sesións de apoio con mentores durante 5 meses.

O xurado estivo integrado por José Luis Cabarcos, director da AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria); Patricia López, xefa do servizo de Fomento do Emprendemento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; José Manuel López, director comercial de Caixa Rural; Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; José Manuel Suárez, coordinador do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias; e Loly Martínez, titora do mesmo.

Consolidación: de shiitake en contedores a cítricos eco
Tras a presentación dos proxectos da modalidade Emprendemento, a sesión de tarde estivo dedicada ás empresas en activo que confiaron na Fundación Juana de Vega para darlle un impulso aos seus negocios. É o caso de Alejandro Sánchez, de Abeiro da Loba (Sobrado dos Monxes), que dimensionará o cultivo de shiitake, entre outros cogomelos, en cámaras de cultivo de última xeración xunto ao seu socio eslovaco, Stanislav Nagy. Ou de Vanessa Silveira, que atopou o apoio técnico para especializar a súa hortícola Horta das Táboas (A Laracha) en base á agricultura rexenerativa.

Pola súa banda, Óscar Álvarez, bombeiro de profesión que estableceu en Tomiño a primeira plantación comercial de cítricos en ecolóxico inscrita no CRAEGA, seguiu os consellos do novo plan económico para expandir os seus terreos ao outro lado do Miño, no país veciño. No caso da cooperativa Terras da Mariña, comercializadora da IXP Fabas de Lourenzá, no Programa guiáronos para ordenar a súa estratexia interna. Por motivos persoais, Casa Barbeiro (Alfoz) e a cooperativa Leite Sen Máis (Palas de Rei / Monterroso) non puideron acudir a presentar o seu proxecto.

“Nós axudámoslles a desenvolver modelos de negocio factibles e viables, minimizando na maior medida posible os riscos derivados da súa posta en marcha, que sempre dependen de moitos factores externos e tamén internos”, explicou José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.

Implicación 100%
Nestes once anos, o Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias foi evolucionando e adaptándose á demanda da sociedade e das necesidades das persoas, “sen as que non sería posible. Este programa é para axudar á xente porque son as persoas as que crean as oportunidades que necesitamos para xerar riqueza nos espazos rurais e manter un rural vivo e dinámico”, puntualizaba Andrade Calvo.

Se nunha primeira etapa, o Programa naceu para axudar a emprendedores que buscaban unha oportunidade no rural tras a crise económica de 2012, sete anos despois (2019) abriuse a empresas en activo con grande acollida. Unha proba do seu éxito é que máis do 92% das iniciativas acompañadas ata o momento manteñen a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España. “Son datos moi bos, que poñen de manifesto que os proxectos empresariais vinculados ao rural, vinculados á terra, son máis resilientes ca outro tipo de iniciativas”, valorou José Manuel Andrade, que ademais destaca “o elevado nivel de compromiso dos participantes”.

Inscrición na edición 2024
Ata o próximo martes, 5 de decembro estará aberta a inscrición na edición 2024 na web https://programadeapoyo.juanadevega.org. Poderán anotarse emprendedores ou empresas relacionadas co sector agroalimentario, marisqueiro, forestal ou pesqueiro, ademais da bioeconomía, proxectos de base tecnolóxica ou servizos relacionados.

A decena de seleccionados optan a un ano de asesoramento gratuíto, especializado e intensivo, para poñer en marcha a súa idea emprendedora, recuperar unha explotación familiar ou impulsar un negocio en activo que precise abordar procesos de crecemento ou de consolidación para así fortalecer o tecido produtivo do rural de Galicia.

Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega: “O apoio aos emprendedores é unha tarefa central para a Fundación Juana de Vega. Son axentes dinámicos da sociedade civil que crean riqueza. Eles aprenden aquí a consolidar e facer crecer as súas iniciativas e nós aprendemos deles novas oportunidades de mellora do noso mundo rural”.