A Fundación Juana de Vega colaborará nun estudo para coñecer o potencial de garda dos viños brancos galegos

Share

En próximas semanas poñerase en marcha en Galicia o maior estudo sobre o potencial de garda dos viños galegos da man do catador Alejandro Paadín,  CEO de Paadín Eventos SL e no que colaboramos a Fundación Juana de Vega e a Universidade da Coruña. Este é un proxecto que combina a investigación científica coa experiencia sensorial para desentrañar os factores que gobernan a lonxevidade dos brancos galegos.

Para garantir a representatividade, o equipo seleccionou tres viños por cada ano e Denominación de Orixe entre 2010 e 2019 – un de segmento popular (por baixo de 10€), outro de gama media (10‑20€) e un terceiro de prestixio (máis de 20€). Esta estratexia permite comparar perfís de calidade e prezo dentro de cada campaña, sumando preto de 180 referencias procedentes de máis de 130 adegas de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei. Todas as botellas, custodiadas en condicións constantes de temperatura e humidade, evolucionaron durante quince anos nas instalacións de Paadín Eventos SL xunto a outras 8.000 botellas de viños galegos, o que converte a colección no maior arquivo de brancos de garda reunido en Galicia.

A avaliación organoléptica realizarase ante un tribunal presidido polos directores técnicos dalgunhas das rexións máis influentes da península. Ás voces galegas –Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, EVEGA e CIFP A Granxa – súmaranse La Rioja, Ribera  del Duero, Toro, Bierzo, Cangas e a portuguesa Vinho Verde. Esta pluralidade de orixes achegará unha mirada comparativa internacional, enriquecendo o veredicto final con criterios contrastados.

Ciencia e sensacións
Cada mostra catarase a cegas seguindo unha ficha estandarizada que rexistra máis de 10 parámetros aromáticos e gustativos. Inmediatamente despois e nas mesmas instalacións de cata, a botella someterase a unha análise química instrumental de laboratorios FOSS®. O equipo WineScanTM 3, mediante espectroscopia de infravermello por transformada de Fourier (FTIR), xerará un perfil completo de máis de 30 compostos.

A información sensorial e analítica cruzarase con centos de rexistros climáticos –temperatura, pluviometría, horas de sol–, datos litolóxicos e edafolóxicos dos viñedos e os históricos enolóxicos achegados por cada adega (uso de madeira, leas,…). O procesamento estatístico correrá a cargo da Universidade da Coruña. O grupo de investigación estatística MODES aplicará modelos multivariantes e aprendizaxe automática para identificar as variables que mellor predín a capacidade de envellecemento.

Aínda que nos últimos anos se fala con frecuencia do potencial de garda dos brancos galegos, ata o de agora faltaba un estudo obxectivo que o apoiase. O propósito deste proxecto é establecer, con base científica, que factores –climáticos, litolóxicos, varietales ou enolóxicos– resultan decisivos para que un viño evolucione positivamente en botella e durante canto tempo pode manter ou mellorar a súa calidade organoléptica. “Cremos firmemente que Galicia pode situarse entre as rexións produtoras de grandes brancos de garda; necesitamos as cifras para confirmalo», manifestou Alejandro Paadín durante unha reunión na Fundación Juana de Vega este martes, 1 de xullo.

Difusión de resultados
As conclusións plasmaranse nun libro monográfico que publicaremos desde a Fundación Juana de Vega ao longo de 2026. A presentación irá acompañada dun ciclo de catas comentadas e xornadas técnicas abertas ao sector, co fin de trasladar o coñecemento tanto a profesionais como a consumidores.

Na Fundación Juana de Vega sumámonos a este ambicioso proxecto co obxectivo de impulsar o prestixio e a proxección internacional dos viños brancos galegos: “A nosa participación garante que os resultados deste innovador estudo non só queden no ámbito científico, senón que cheguen ao mercado e ao consumidor final a través dun libro monográfico e actividades divulgativas”. Con esta colaboración, reforzamos a nosa aposta por dar valor ao traballo das adegas galegas e mostrar ao mundo que Galicia tamén é terra de grandes brancos de garda, capaces de competir ao máis alto nivel nos mercados máis esixentes.