O medio rural estará no centro do debate a través do ciclo de conferencias mensuais "O futuro do rural: retos e oportunidades" promovido por La Voz de Galicia e no que colaboran a Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal, dous referentes na promoción do medio rural galego desde diferentes ámbitos. Entre os convidados haberá expresidentes de comunidades autónomas e personalidades cunha estreita vinculación coas contornas rurais.
O obxectivo do ciclo é que cada participante, desde o seu coñecemento e experiencia vital e profesional, contribúa a fomentar dinámicas que axuden no rexurdimento e na revitalización das contornas rurais. As conferencias terán lugar ao longo do primeiro semestre de 2025 en distintas localidades de Galicia. O formato será o mesmo en todas elas: conferencia e coloquio posterior co protagonista e unha representación local.
En cada encontro, os convidados presentarán a súa historia particular, compartirán a súa visión sobre o momento que atravesa o rural e detallarán o máis destacado do seu paso pola política rexional, no caso dos expresidentes autonómicos, ou os fitos nos seus cargos, no caso do resto dos profesionais.
Miguel Ángel Revilla inaugura o programa
O expresidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, abrirá os relatorios o mércores, 29 de xaneiro nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Durante a súa charla, tamén presentará o seu libro "Por qué pasa lo que pasa". O evento terá lugar no Auditorio municipal Alovi ás 19:00h con entrada libre ata completar o aforo (400 prazas).
No coloquio posterior participarán Valentín González Formoso, alcalde do Concello das Pontes e presidente da Deputación da Coruña; e José María López Ferro, presidente da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado.
En febreiro, o convidado será o expresidente estremeño Juan Carlos Rodríguez Ybarra, e en marzo o galego Emilio Pérez Touriño. Nos meses seguintes, os relatores serán personalidades cunha estreita vinculación coas contornas rurais.