A Fundación Juana de Vega celebra unhas xornadas sobre comercialización alimentaria para analizar estratexias de venda e posta en valor de produtos galegos de calidade.

Share

Oleiros, 22 de novembro de 2011.-A Fundación Juana de Vega celebrará o xoves, 24 de novembro, a quinta edición das súas Xornadas de Comercialización Agroalimentaria, centradas nesta ocasión nos produtos locais e os circuítos curtos de comercialización. O obxectivo é analizar estratexias para que os produtores melloren as súas marxes potenciando o desenvolvemento das economías locais. Un xeito de alcanzar esta meta é potenciar as marcas de calidade asociadas a un territorio, xa que Galicia conta cunha rica e variada produción agroalimentaria de recoñecida calidade. Sen embargo, o feito de dispoñer desta oferta en moitas ocasións xenera un escaso valor engadido para os produtores. A comunidade galega atópase ante unha excelente oportunidade para aproveitar os cambios que se están a producir nos últimos anos nas tendencias de consumo, e nas que se procura unha alimentación baseada en produtos de calidade vinculados ao territorio próximo, abrindo polo tanto novas oportunidades de negocio para os produtores locais.

O obxectivo destas xornadas é precisamente analizar a problemática do establecemento de canles curtos de comercialización, apoiándose en iniciativas de éxito da comunidade galega e de outras comunidades autónomas. Así, presentaranse experiencias concretas de venda directa e analizaranse aspectos como o valor da marca e as novas tecnoloxías como ferramentas de comercialización de produtos agroalimentarios. Ademais, durante o descanso para a comida, ofrecerase unha degustación de variedades locais e outros produtos do territorio, que prepararán os responsable do Restaurante A Estación de Cambre, que conta cunha estrela Michelín. “Trátase de por en valor os produtos locais a través da alta cociña e a restauración”, sinala José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.

A xornada, que será inaugurada ás 9.30 horas polo presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, y Michael Erhart, Xefe da Unidade de Política de Calidade dos Produtos Agrícolas da dirección xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, está dirixida a produtores, comercializadores e técnicos que desenvolvan a súa carreira profesional no ámbito agroalimentario, así como a calquera persoa interesada na problemática da comercialización.

Tralo acto de inauguración, ás 10.00 horas intervirá Alicia Langreo Navarro, directora de Saborá Estrategias Agroalimentarias, para falar sobre a “Comercilización convencional vs comercialización en circuitos curtos: alternativas e estratexias de distribución para as producións locais”. Ás 10.45 horas o programa continuará coa presentación do programa “Alimentos ecolóxicos para o consumo social en Andalucia” a cargo de Antonio Martín Pérez, Xefe do servizo de sistemas de produción ecolóxica da “Junta de Andalucía”.

Xa ás 12.00 horas as sesións dedicaranse á presentación de experiencias de venda directa, como a Rede Arco, cuxa responsable, Ana María Rodríguez, explicará a venta de produtor a consumidor baseándose nesta iniciativa, como expoñente da agricultura de responsabilidade compartida. A xornada matutina concluirá coa conferencia de Carlos Ferrás, Director do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (GIS-T IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela, que falará sobre o proxecto Granxafamiliar.com, e coa presentación da experiencia empresarial “Finca los cuervos” e a súa comercialización na canle HORECA.

Trala degustación de variedades locais e outros produtos do territorio, a xornada de tarde comezará ás 16.00 horas coa conferencia titulada “Horticampo: del agricultor a su casa” a cargo do xerente de Fupal, Alonso Navarro, e de Horticampo.es. A continuación debaterase sobre a diferenciación de produto e o valor da marca, e sobre as novas tecnoloxías na comercialización de produtos agroalimentarios, con sendas conferencias de Gildo Seisdedos, profesor de marketing da I.E. Business School, e Carlos Otero Barros, director de Colimero Consultores, S.L. e profesor asociado de ESEUNE Business School.

O encontro, organizado pola Fundación Juana de Vega, celebrarase o xoves 24 de novembro na sede da entidade, aberto a produtores comercializadores e técnicos.

A xornada centrarase nos produtos locais e circuitos curtos de comercialización como ferramenta para mellorar as marxes de beneficio para os produtores e contribuir a fixar poboación no rural.

No transcurso da xornada, na que se ofrecerá unha degustación de produtos locais analizaranse desde o valor da marca ata as novas tecnoloxías para canalizar as ventas e tamén se presentarán experiencias de éxito en venda directa.