Este 9 de maio, con motivo do Día de Europa botamos a vista atrás para reflexionar sobre o camiño que emprendemos hai xa cinco anos para potenciar a nosa Área de Innovación e Investigación a través da participación nunha decena de proxectos europeos. Ser beneficiarios ou líderes destas iniciativas cofinanciadas a través de programas como LIFE, Horizonte Europa, Interreg SUDOE, Interreg POCTEP, Interreg Europe ou IMCAP permitiunos canalizar un investimento superior aos 6M€ para o sector agro de Galicia.
A experiencia da Fundación Juana de Vega en Europa axudou a enriquecer e achegar máis valor o desenvolvemento do rural galego. A participación en proxectos como ECOSPHEREWINES (do que somos líderes), I-ReWater, EC4RURAL, PAISACTIVO, BIOservicES, DOWN TO EARTH, Erasmus+, KICAP, FunCAP,... proximamente tamén Soil&WineResidues... facilitaron o intercambio de coñecementos, boas prácticas e modelos de innovación con outras rexións europeas. Puidemos tamén acceder a novas metodoloxías de traballo, ferramentas de planificación territorial e estratexias.
Ao mesmo tempo, a nosa contribución foi moi valorada, xa que sempre nos achegamos a cada consorcio cunha visión propia baseada na sostibilidade, na identidade cultural e na xestión activa da paisaxe. Demostramos como o rural galego pode ser un exemplo de dinamismo e adaptación no contexto europeo. Esta colaboración reforzou redes a nivel local e internacional, impulsou novas iniciativas e reafirmou o noso compromiso cun desenvolvemento rural vivo, conectado e resiliente.
Na nosa web podes consultar os proxectos europeos nos que levamos participado: https://juanadevega.org/areas-de-traballo/investigacion-e-innovacion.
Desde a Área de Innovación e Investigación sempre estamos abertos a novas ideas. Se queres participar con nós en proxectos europeos, escríbenos a info@juanadevega.org.