A Fundación Juana de Vega amplía o seu equipo. Acaba de publicar unha oferta de traballo para seleccionar un/ha técnico/a en emprendemento para impulsar a actividade do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Verín (Ourense).
Baixo a coordinación da dirección de Proxectos de Fundación Juana de Vega, as tarefas do posto consisten en participar na planificación e execución de actividades de asesoramento e crecemento de proxectos emprendedores en todo tipo de sectores, así como contribuír ao desenvolvemento de ideas de negocio e o acompañamento a proxectos en todas as súas etapas. O candidato traballará en colaboración coa rede de axentes locais, directamente cos/as emprendedores/as e tamén con organismos autonómicos e locais implicados.
O lugar de traballo será a oficina do Polo en Verín (Ourense), sendo necesario realizar desprazamentos ocasionais a diferentes puntos de Galicia.
Entre as responsabilidades do posto inclúense:
- Asesorar e titorizar proxectos en calquera fase de desenvolvemento.
- Planificar, dinamizar e organizar actividades formativas, divulgativas, de apoio ao emprendemento e de networking.
- Interactuar cos axentes do ecosistema emprendedor galego, compartindo información e boas prácticas.
- Facilitar ferramentas e recursos para a construción de modelos de negocio, plans de márketing, dixitalización, organización e dimensionamiento de recursos. Identificar instrumentos de financiamento e subvencións de apoio ao emprendemento en Galicia.
- Reportar conforme aos parámetros establecidos pola dirección do proxecto.
Os candidatos deben contar con formación de grao ou equivalente, valorándose a especialización en áreas como márketing, comunicación, xestión de proxectos, mecanismos de financiamento ou xestión empresarial. Así mesmo, é desexable contar con experiencia en consultoría ou en actividades de divulgación e apoio técnico, así como coñecemento do ecosistema de emprendemento e incubación de empresas e startups en Galicia. Valórase tamén a actitude proactiva e construtiva cara aos proxectos e un alto nivel de galego.
Ver aquí todos os requisitos da oferta e candidatarse >>
