O venres, 25 de agosto achegámonos ata a aldea de Parada do Courel (Lugo), convidados pola Fundación Uxío Novoneyra para participar na inauguración do 8º Festival dos Eidos, que colle o nome da obra por antonomasia do autor courelán. En representación da nosa entidade acudiu Daniel Canosa, técnico de Desenvolvemento Rural e gran coñecedor deste territorio.
Alí coincidimos (de dereita a esquerda) con Xavier Blanco, da Fundación Legar dedicada á recuperación do folclore tradicional; Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel; a artista Paula Pin, que xestiona o proxecto de preservación da diversidade A Casa do Río de Palas; Orlando Álvarez, experto en castiñeiros; Branca e Uxío, fillos do poeta; Augusto Paramio, responsable da Oficina Europa Creativa-Cultura/Punto Europeo de Ciudadanía do Ministerio de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Elba Rey, viúva de Uxío Novoneyra; e con Béatrice Pépin, tradutora ao francés da obra de Novoneyra.
Tras a benvida oficial, o grupo participou nas actividades organizadas para a xornada de mañá que incluíron a visita guiada pola casa e a inauguración da exposición fotográfica de Federico García Cabezón no souto de Rubial.
Relación entre as dúas fundacións
Desde a Fundación Juana de Vega mostramos o noso agredecemento aos organizadores por contar con nós no evento de apertura deste festival referente na axenda cultural de Galicia. Tanto polo noso papel de entidade implicada no desenvolvemento rural da comunidade desde hai máis de 150 anos como pola relación que mantemos coa Fundación Uxío Novoneyra a través de proxectos de innovación e investigación.