Oleiros, 16 de xaneiro de 2019.- A Fundación Juana de Vega fomenta a comercialización das oliveiras autóctonas galegas, Brava galega e Mansa galega, nun proxecto que ten unha duración de catro anos e cuios primeiros resultados de cara á comercialización foron presentados hoxe na delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) coa transferencia de material cos viveiros “A Revolta” (A Coruña) e Costa de Lóngaras (Lugo) o que concede a ambos unha licenza non exclusiva para a multiplicación e comercialización de planta das dúas primeiras variedades de oliveira autóctona galega.
Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, afirmou que "hoxe é un día histórico para Galicia" debido á importancia que supón poñer no circuito comercial oliveiras autóctonas de Galicia "con todas as garantías e libres de virus". Esta medida contribuirá "ao desenvolvemento do sector olivareiro galego, apoiándose na diferenciación como elemento competitivo fronte a outros operadores de maior volume e tradición", engadiu Sáez.
En 2017, a Fundación Juana de Vega decidiu impulsar os estudos sobre as oliveiras galegas a través do proxecto “Apoio á consolidación no mercado de aceites galegos de calidade, mediante o uso de variedades de oliveiras autóctonas de Galicia”, cunha duración de catro anos (ata 2021) e cunha financiación que corresponde en exclusiva á Fundación con máis de 250.000 euros.
A entidade tamén colabora moi estreitamente coa Xunta de Galicia, informando sobre os avances dos traballos e achegando as informacións necesarias para a legalización e recoñecemento das variedades, organización do sector olivarero galego…
Grazas a esta investigación, o CSIC pon a disposición dos viveiros os coñecementos técnicos e o know-how relacionado co material vexetal que poidan ser necesarios para a súa multiplicación e explotación comercial por parte das empresas e que o rexistro dese material nos distintos territorios como variedade comercial, protexida ou como marca, en nome do CSIC. Regula todas as cuestións relativas ao uso do material, ámbito territorial do acordo, duración, condicións económicas, confidencialidade no intercambio de información e dereitos de propiedade industrial sobre calquera resultado que se poida obter con estas novas variedades vexetais, entre outros aspectos.
O acto contou tamén coas intervencións, por parte do CSIC, da vicepresidencia adxunta de Transferencia do Coñecemento, Ángela Ribeiro Seijas; do delegado institucional en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, e a xefa do grupo de Viticultura da MBG, Carmen Martínez Rodríguez. Por parte de ASVINOR, acudiu o seu director técnico, Santiago Ramos, e por parte de APAG, a súa portavoz e membro da directiva, Elvira Blanco.
Ángela Ribeiro recalcou “a importancia que está a ter a transferencia de tecnoloxía do CSIC nos últimos anos e, moi especialmente, na área de Ciencias Agrarias, onde se pasaron de asinar 14 acordos de licenza para a explotación de variedades vexetais no período 2012-2014 a 50 en 2015-2017”. “Estes acordos non só inclúen a recuperación de variedades autóctonas, senón tamén a obtención de novas variedades. Ademais, nos últimos anos deuse un paso importante na internacionalización das variedades do CSIC, asinando acordos de multiplicación e explotación con viveiros de Italia, Grecia, Turquía, Sudáfrica, Arxentina e Chile”, dixo.
Carmen Martínez destacou que “tras a transferencia destas variedades, xa recoñecidas polo Ministerio, continuamos traballando co resto para ilas rexistrando e posteriormente transferiendo a estes ou outros viveiros, co fin último de que cheguen aos olivareiros”.
Brava galega e Mansa galega foron recoñecidas oficialmente en outubro de 2017, tras seis anos de investigación. Desde hai dous anos, os científicos do CSIC responsables do traballo da oliveira autóctona galego contan para este proxecto co apoio e financiamento da Fundación Juana de Veiga. Como resultado das devanditas investigacións, o CSIC é propietario de diversos exemplares seleccionados e amplamente estudados, de distintas variedades de oliveira autóctonas de Galicia, sendo Brava Galega e Mansa Galega as primeiras en ser comercializadas. Aínda que o material vexetal transferido neste momento sairá ao mercado como planta estándar, foi sometido ás análises de viroses que marca a normativa (ArMV, CLRV, SLRSV, CMV) e garántese que a planta entregada está libre de virus.
Tanto para estas dúas variedades como para as que serán transferidas no futuro, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio, iniciarase o proceso de certificación pertinente, que marca a normativa legal e que ten unha duración mínima de catro anos.
España conta con arredor de 1.200 variedades de oliveira descritas, representa a maior diversidade do mundo con este cultivo e é tamén o primeiro país en superficie cultivada, co 62% do total concentrada en Andalucía. En Galicia, a existencia de oliveiras e o seu cultivo esténdese polo sur da provincia de Lugo, o sur da provincia da Coruña, e distintos puntos das provincias de Ourense e Pontevedra.