A sede da Fundación Juana de Vega volveu converterse hoxe nun lugar de encontro para emprendedores e empresas que apostan por crear riqueza no rural con iniciativas propias vinculados ao territorio. Durante o evento final do XII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, o denominado demoday da edición 2024, Dora e Tania, Ovidio, Carmen, Jose, José Antonio, Tatiana e Martín subiron ao estrado para expoñer os seus proxectos coa confianza dos coñecementos adquiridos durante máis de 700 horas de formación e mentorización que se dividiron en varias fases complementarias e escalables ata chegar ao día de hoxe. Alejandro, Manuel e Anxo non puideron acudir por motivos persoais.

A benvida do evento correu a cargo de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, quen recordou que o Programa de Apoio está en liña coa misión da entidade e tamén “co espírito liberal e solidario da gran muller que creou esta entidade”. O primeiro que fixo durante a súa intervención foi recoñecer o esforzo e valentía destes dez promotores: “A riqueza dunha sociedade depende moito dos que se arriscan para poñer en marcha proxectos novos, que conecten coa demanda do mercado. Crean postos de traballo e xeran dinamismo para adaptármonos aos tempos de cambio. Necesítase xente con iniciativas, que son tamén as ilusións da súas vidas”, explicou ao tempo que recoñecía o valor das novas ideas, do coñecemento e da aprendizaxe constante. “Como vós, que neste programa sodes alumnos, pero tamén profesores".
Modalidade de Emprendemento
Precisamente da ilusión para iniciar un novo proxecto vital en Culleredo falaron as irmás Dora e Tania León Minaya, nativas do Perú e desde hai 12 anos emigradas en Galicia. Desde xaneiro, acabaron de darlle forma a Naturhale para venda de follaxe ornamental ecolóxica. Carmen Caínzos, que antes se dedicaba á moda, aproveitou para pulir o seu proxecto de conservas vexetais que ten nos pementos gorro de bispo o seu punto de arranque e inspiración.
A continuación, Ovidio Queiruga, xerente da coñecida comunidade de montes de Baroña (Porto do Son) explicou como definiron a folla de ruta para poñer en marcha un centro de transformación para elaborar, sobre todo, frescos e embutidos coa carne dos animais criados nos seus montes, principalmente poldro. “Para nós foi moi importante estar neste Programa porque non é só facer as cousas con cariño e ilusión, teñen que ser rendibles”, apuntou. Unha idea na que coincidiu Jose Caridad, promotor da gandeiría de bois sostible 100% herba O Prego (Cerceda). “Este programa de asesoramento debía de ser obrigatorio para avaliar previamente todas as ideas de negocio efinanciar só aqueles proxectos que son viables”, reflexionaba.
Modalidade Consolidación
Os beneficiarios da Modalidade Consolidación son empresas en activo que buscaban mellorar algún aspecto en concreto dos seus negocios para ser máis competitivos no mercado. Nesta categoría, recibiron o apoio da Fundación Juana de Vega José Antonio Landeira, cofundador de Tofu Landeira 100% galego (Cambre); Tatiana Mouro, da hortícola Horta da Moura (Bergondo); Martín Touceda, produtor de porco celta na aldea modelo de Cenlle (Ourense); Alejandro Tartaglione, da marca de zume naturais Zumiño (Tomiño); Manuel González, da hortícola Manoxos (Caldas de Reis); e o Ecoespazo O Rexo (Allariz).
Para finalizar, entregouse o II Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario ao proxecto da Comunidade de Montes de Baroña pola súa exempleraridade, repercursión e transferibilidade a outras comunidades de montes de Galicia, onde é unha figura moi típica xunto co norte de Portugal. “Son unha referencia de éxito na explotación e aproveitamento sostible dos seus recursos ao tempo que xestionan e coidan o territorio, crean emprego na contorna e potencian a remuda xeracional”.
De maneira excepcional, o xurado decidiu conceder un accésit ao proxecto de Jose Caridad valorando que, igualmente, o seu proxecto axuda á recuperación e xestión do territorio ao tempo que crea un modelo de negocio exportable en base a unha carne de gran calidade.
O premio equivale a outras 30 horas de asesoramento e acompañamento e o accésit, a 15.
Só unha semana para candidatarse á edición 2025
O Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias é unha iniciativa que a Fundación Juana de Vega mantén con fondos propios desde 2012 para axudar ás persoas que queren traballar por conta propia no medio rural de Galicia.
Durante un ano, aos emprendedores ofréceselles formación e mentorización gratuíta para a implantación das súas ideas de negocio; e no caso de empresas existentes, apoio técnico para abordar proxectos de innovación, mellora ou expansión. Ata o momento levan participado máis de 120 persoas, entre elas os fundadores de marcas coñecidas e recoñecidas como TasteLab, Galo Celta, Innogando, TrasDeza Natur, as cooperativas Terras da Mariña, A Carqueixa, Vélaro (I Premio en 2023), etc. e tamén moitas outras de pequenos promotores.
A inscrición para a edición 2025 finaliza o próximo xoves, 5 de decembro na web https://programadeapoyo.juanadevega.org.
