A sede da Fundación Juana de Vega foi este mediodía un dos escenarios nos que se desenvolveu a V Xornada Mulleres Relevantes da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo dedicada, nesta ocasión, a esta ilustre coruñesa, matriz da entidade que leva o seu nome e que traballa ampliando o seu legado e poñendo en valor o medio rural galego a través de catro áreas estratéxicas. Estas son apoio ao sector agroalimentario, innovación e investigación, Escola Galega da Paisaxe e Cátedra Juana de Vega.
A V Xornada Mulleres Relevantes da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo estivo organizada polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), e patrocinada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural (Xunta de Galicia). Contou, entre outros, coa colaboración da Fundación Juana de Vega que, ademais, acolleu unha visita guiada na que foi a súa casa de verán e é a actual sede da institución en San Pedro de Nós (Oleiros). O anfitrión foi José Manuel Andrade Calvo, director da entidade, que tamén lle explicou aos participantes as liñas de traballo e o programa de actividades da institución.
Programa
Previamente, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, abriu este foro de coñecemento na sede do CEIDA co relatorio “A figura de Juana de Vega: compromiso social, mecenado e legado” durante o que destacou os aspectos máis relevantes da traxectoria vital desta ilustre coruñesa, progresista, avanzada á súa época e cunha gran sensibilidade social, que deixou unha pegada indeleble tanto na cidade da Coruña como en toda Galicia e no resto do estado español.
“Juana de Vega foi a muller con maior relevancia política na España do s. XIX”, unha posición impulsada pola súa personalidade e polo seu carácter, as súas fortes conviccións e por un contexto social que recollía as ideas liberais chegadas do norte de Europa. “É quen mellor representa a importancia que ten a sociedade civil na Coruña e o papel do liderado feminino nese ámbito”, defendeu Sáez Ponte.
A continuación, abriuse unha charla-coloquio arredor da figura de Juana de Vega na que participaron, Marilar Jiménez Aleixandre, académica da Real Academia Galega (RAG), profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e escritora, co relatorio “Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo”.
Interviu tamén Xosé Ramón Veiga Alonso, historiador, profesor da USC, e autor da última biografía sobre a mecenas e filántropa “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer do século” (Editorial Galaxia), promovida pola Fundación e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia con motivo do 150 aniversario do seu pasamento.
Exposición itinerante
Ademais da publicación do libro, con motivo desta efeméride, a exposición homónima continúa o seu percorrido por Galicia. Tras pasar pola Coruña, Santiago e Ourense, durante todo o mes de xuño, a mostra permanecerá aberta no Edificio de Redeiras da Universidade de Vigo. En próximas datas, están previstas estadías en Pontevedra, Mondoñedo e Monforte de Lemos, vilas natais dos pais de Juana de Vega, Madrid e Pamplona.