A sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros acolleu esta mañá a inauguración da primeira das cinco sesións das"Xornadas internacionais: Paisaxes litorais consilientes | A Coruña: caso de estudo para o desenvolvemento sostible desde a perspectiva da paisaxe, o capital natural e a infraestrutura verde". Durante os catro venres de setembro e o sábado 27, un auditorio cheo reflexionará sobre o futuro do bordo litoral da cidade con profesionais e estudos de paisaxismo referentes en Europa e EE.UU convidados ex proceso para este debate aberto pola entidade e apoiado pola Deputación da Coruña a través das “Subvencións a entidades sen fin de lucro para o cofinanciamento de proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente”.

Neste sentido pronunciábase o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, durante a benvida: “Unha das actividades máis importantes que ten desenvolvido a Fundación Juana de Vega nas últimas décadas xira ao redor da paisaxe, un tema central para termos unha Galicia máis moderna e habitable. Por outra banda, a Fundación e parte da sociedade civil da Coruña, onde naceu e onde viviu máis tempo a súa fundadora. A confluencia de ambas as dúas circunstancias lévanos a tentar axudar a que a nova fase de deseño na que entra a fachada portuaria da cidade se realice da mellor forma”, explicaba ao tempo que continuaba. “Este é o obxectivo destas xornadas nas que importantes especialistas no deseño de hábitats urbanos exporán as súas experiencias en procesos similares aos que agora abordamos aquí e nas que serán obxecto de debate os eixos máis relevantes para construírmos unha cidade mellor en torno ao seu extenso litoral”.
Pola súa banda, Rosa Ana García López, responsable da área de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política, agradeceu á Fundación Juana de Vega que tomase a iniciativa na organización destas xornadas “tan importantes como necesarias ás que nos sumamos desde a Deputación da Coruña”. A transformación do bordo litoral, recordou, “é unha oportunidade urbanística, pero tamén de abrir a cidade ao mar dunha forma consensuada contando coa opinión de todos os sectores, de expertos e da cidadanía. A Coruña ten a oportunidade de converterse nun referente en planificación costeira”.
Diálogo “consiliente” e enriquecedor
Todos os venres de setembro e o último sábado do mes, a Fundación Juana de Vega organizará as “Xornadas internacionais: Paisaxes litorais consilientes” que versan sobre os terreos portuarios da cidade da Coruña e a posibilidade do seu cambio de uso para fins económicos, sociais, ambientais e residenciais. “Trátase dunha gran oportunidade para a cidade, tendo en conta a gran superficie que ten e a súa especial localización”, argumentaba Pedro Calaza, director da Área da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Con esta posibilidade, o bordo litoral da Coruña sitúase no centro dun debate complexo con múltiples intereses, actores e perspectivas que “necesariamente debe avanzar cara a unha planificación integrada que recolla as visións de expertos, cidadanía e institucións baixo un ‘enfoque consiliente’, que significa crear un marco unificado de entendemento e coñecemento entre distintas disciplinas”, explicaba.
Estes cinco días, perséguese dialogar, reflexionar e debater as opcións, oportunidades, ideas e propostas que serán expostas, tanto por parte do panel internacional como polos asistentes, para enriquecer os proxectos que se presenten.
A combinación de coloquios con relatores expertos en diferentes materias, a presentación de casos prácticos a escala nacional e internacional, a visita de campo do venres 26 pola tarde e os talleres prácticos pretenden difundir coñecemento, fomentar a participación activa, achegar solucións innovadoras e asegurar a integración paisaxística e ecolóxica no deseño urbano. O obxectivo principal será enriquecer o debate e facilitar a toma de decisións consensuadas e aliñadas coas directrices da Lei de Restauración da Natureza en Europa, a Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e a súa homóloga galega, promovendo a resiliencia do sistema terra-mar e a súa convivencia coa identidade cultural da cidade e tamén coa memoria das persoas “A memoria é a cuarta dimensión de calquera paisaxe e por iso sempre a debemos de ter en conta nos proxectos”, recordaba Calaza.
Catro bloques temáticos e oito relatores que viaxan ex proceso á Coruña
As xornadas estrutúranse en catro bloques temáticos: enxeñería portuaria e mobilidade, desenvolvemento socioeconómico, infraestrutura verde e taller práctico, no que participarán grandes expertos internacionais e nacionais de diferentes campos de coñecemento.
Os tres relatores convidados á sesión inaugural de hoxe centraron as súas intervencións na temática das infraestruturas e da mobilidade. Daniel Vasini, especialista en deseño urbano transformador, plans mestres a grande escala e director creativo do estudo West8 (Países Baixos) vertebrou a súa relatoría sobre infraestruturas portuarias e comunicacións tomando o porto de Róterdam como exemplo. A continuación, Julián Sastre, docente, consultor e presidente do Instituto de Movilidad de España (Madrid) enfocouse en mobilidade sostible, un sector no que suma máis de corenta anos de experiencia. Tras a pausa café, Carlos Nárdiz, doutor Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, fixo unha introdución ao caso de estudo. Esta primeira sesión finalizou cunha mesa redonda participada polos tres relatores e moderada por Amal Nnechachi, enxeñeira de Camiños, Canles e Portos.
Xunto a Vasini, Sastre e Nárdiz, o programa complétase o venres 12 con Alfonso Vegara, presidente da Fundación Metrópoli, un centro internacional de excelencia dedicado á investigación, o deseño e a innovación. Vegara suma no seu currículo unha sólida traxectoria como docente, asesor e conferenciante que o levou a recibir en tres ocasións o “Premio Europeo de Urbanismo”, entre outros galardóns. A continuación, Francisco Javier Álvarez, xefe do Servicio Xurídico da Autoridad Portuaria de Santander (Cantabria) exporá a súa experiencia na planificación do proxecto da “Fronte Marítima Portuaria de Santander”, en gobernanza portuaria e relacións porto-cidade.
O venres 19, viaxará desde Boston Chris Reed, fundador do estudo STOSS (Boston), profesor na Escola de Posgrao de Deseño da Universidade de Harvard e unha das principais voces na transformación de paisaxes e cidades cun enfoque centrado na resiliencia climática. Nesta mesma sesión tamén estará Edward Fox, profesor titular de Arquitectura da Paisaxe na Manchester University (Manchester), quen ademais de docente e investigador liderou o equipo encargado da rexeneración do principal corredor fluvial de Manchester, o Irwell River Park.
A arquitecta e paisaxista Mary Bowman, socia e fundadora de Gustafson Porter + Bowman (Londres) dirixirá o obradoiro participativo dos días 26-27 con visita á zona de estudo. Actualmente, Bowman lidera un amplo equipo multidisciplinar no Plan de Paisaxe da Torre Eiffel e ten participado noutros como a fonte conmemorativa de Diana de Gales ou o Marina One en Singapur. Ela tamén
Ademais, en todas as xornadas participarán actores locais que tamén achegarán perspectivas clave sobre o caso de estudo. Entre eles haberá representantes do Concello da Coruña, Universidade da Coruña, Xunta de Galicia, AUSPORT e Instituto Tecnolóxico de Galicia, entre outros.
