Oleiros, 5 de maio de 2021.- A Fundación Juana de Vega abre o prazo para a presentación das candidaturas ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe para a categoría de vivendas unifamiliares. O obxectivo é recoñecer a mellor vivenda unifamiliar, tanto de nova planta como de rehabilitación, que poida influír favorablemente nos tipos de vivenda que se constrúen en Galicia e mesmo contribúan a servir de inspiración ou modelo para proxectos futuros. Admitiranse proxectos realizados na nosa comunidade autónoma, de vivendas finalizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2020. Nesta categoría teranse en conta aspectos como a posta en valor dos elementos construídos, a integración na contorna, a incorporación de criterios de sostibilidade así como a economía no uso dos materiais.
Para esta edición do premio, o prazo de presentación das candidaturas estará aberto ata o 21 de xuño de 2021. Poderán presentar a súa proposta tanto os seus autores como os promotores e propietarios. O fallo do xurado darase a coñecer no último cuatrimestre do ano e o premio terá unha dotación económica de 6.000 euros ademais dun diploma acreditativo. Tamén poderán concederse dous accésits a criterio do xurado, cada un deles dotado de 1.500 euros e un diploma.
O xurado estará formado para esta edición por persoas de diferentes ámbitos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e o territorio, coa estética ou a arte e a cultura, así como representantes da Fundación, da Escola Galega da Paisaxe e da Universidade. Nesta convocatoria integrarán o equipo os arquitectos Gonzalo Byrne, Teresa Táboas e Ginés Garrido Colmenero, a xestora cultural e experta en coleccionismo Rosario Sarmiento, a decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia Aixendri; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Plácido Lizancos; o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte.
O fallo do xurado farase público a través da páxina web da Fundación Juana de Vega e noutros medios. Igualmente, os autores premiados recibirán unha comunicación por escrito na que se lles dará conta da resolución do Xurado. A entrega do premio realizarase nun acto público na sede da Fundación Juana de Vega.
O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe xorde da vontade de poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, desde o convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade humana por incidir directamente no seu benestar físico e espiritual e por ser un recurso socio-económico de enorme potencial. Ademais da categoría de vivenda unifamiliar, de xeito alterno convócanse dentro deste premio as categorías de intervencións exteriores e intervencións no patrimonio construído e a súa contorna.
Para máis información: Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe