O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, abriu este venres, 21 de xullo o I Foro Rural Sustentable contextualizando a situación actual do rural galego como "un espazo de oportunidades".
Durante a súa intervención, fixo un repaso polas potencialidades dos sectores productivos e abordou retos de futuro. Algunhas destas propostas para fomentar a multifuncionalidade e a diversificación económica das áreas rurais inclúen o impulso dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e modificacións lexislativas e administrativas. Tamén fixo fincapé na necesidade de fortalecer a industria agroalimentaria, dixitalizar o rural e no acceso á banda ancha, fomentar o emprendemento e o apoio financeiro ou impulsar os circuítos curtos de alimentación e a compra pública de productos de proximidade en comedores colectivos.
Durante este encontro en Chantada promovido por Mundo HR a través da Fundación Galicia Sustentable, coincidimos con emprendedores que están transformando a Galicia Rural como Horta da Lousa (Cerceda), Galo Celta (Vila de Cruces) e A Cernada (Palas de Rei), que participaron no noso Programa de Apoio a Empresas Alimentarias da Fundación (PAEA).
A edición do foro levouse a cabo no Espazo Vilaseco en Chantada, unha antiga granxa de gandería que se converteu nun espazo aberto á arte contemporánea no rural de Galicia.