A Fundación Juana de Vega abre a inscrición no XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias

Share

A Fundación Juana de Vega continuará, un ano máis, colaborando coas persoas para “tecer o futuro da Galicia rural”, tal e como di o lema do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias que en 2025 cumprirá trece edicións en activo. O prazo para candidatarse estará aberto ata o xoves, 5 de decembro (todo o día) a través da web https://programadeapoyo.juanadevega.org na que os interesados poden atopar máis información sobre esta veterana iniciativa, o formulario de inscrición e as bases da convocatoria.

Desde 2012, a Fundación Juana de Vega mantén con fondos propios o Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, acompañado neste tempo a uns 120 beneficiarios radicados por toda a comunidade. Segundo as enquisas de seguimento realizadas ata o momento, o 61% dos proxectos que finalizaron o programa foron implantados e o 93,2% dos participantes considera que o Programa lles axudou a ter unha mellor visión do seu negocio. Así mesmo, 8 de cada 10 beneficiarios recoméndano.

No XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias poden participar iniciativas nos campos agroalimentario, forestal, marisqueiro e pesqueiro, bioeconomía ou proxectos de base tecnolóxica e servizos que dean soporte aos anteriores. Outros requisitos son que que se desenvolvan en Galicia e poñan en valor os recursos do territorio.

Dúas modalidades e un ano de acompañamento
Igual que en anteriores edicións, haberá dúas modalidades. A primeira, denominada “Emprendemento” está orientada á creación de novas empresas, sucesións ou recuperación de negocios familiares. O obxectivo é acompañar aos emprendedores no desenvolvemento das súas ideas, converténdoas en negocios innovadores e competitivos.

A segunda, “Crecemento e consolidación”, está dirixida a empresas existentes. Pretende axudar a autónomos, pemes e micropemes para mellorar o seu funcionamento a través da titorización na toma de decisións. Entre outras accións, poderán focalizarse en aspectos como o control de xestión, estudos económicos, organización corporativa, investigacións de mercado, plans de financiamento, comerciais ou de márketing, entre outros.

Criterios de selección
O itinerario do Programa dividirase en tres fases ao longo de 2025. Na primeira, que se desenvolverá en xaneiro, farase unha preselección de 24 candidatos durante un obradoiro de ideas de 10 horas de duración ao que seguirá unha entrevista persoal. Ao final do proceso, escolleranse un máximo de 6 proxectos para a modalidade de Emprendemento e outros 6 para a de Crecemento e Consolidación. En ambos casos, os criterios a ter en conta na selección dos beneficiarios finais serán o seu grao de implicación coa iniciativa empresarial, a orientación ao mercado e o seu compromiso para poñer en valor os recursos do territorio.

Na segunda fase, entre febreiro e xullo de 2025, os beneficiarios da modalidade Emprendemento recibirán formación, titorización e asesoramento técnico. Despois, de setembro a decembro de 2025, os titores centraranse en ofrecerlles asistencia xurídica, apoio na tramitación de axudas, captación de recursos financeiros ou en calquera outro tipo de necesidade para garantir o éxito de implantación do negocio.

En paralelo, e xa desde febreiro, os beneficiarios da modalidade de Crecemento e Consolidación asisitirán a titorías individualizadas para cada unha das empresas co obxectivo de que alcancen as súas metas coas maiores garantías de éxito.

Terceiro premio á mellor idea de emprendemento
Por terceiro ano, a Fundación Juana de Vega fará entrega do Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario valorado en 30 horas de sesións de formación. A cooperativa de caprún Ovica foi a galardoada da primeira edición e o gañador da segunda darase a coñecer nas próximas semanas durante a exposición final da actual edición, o XII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias.