O próximo sábado, 28 de outubro terá lugar a terceira e última sesión das xornadas formativas “Capital natural: identificación, contabilidade e valorización de servizos ecosistémicos da infraestrutura verde municipal” organizadas pola Fundación Juana de Vega, co apoio da Deputación da Coruña. A asistencia será libre previa inscrición aquí ata completar o aforo. A formación terá lugar de 9.30 a 14.00h na sede da entidade, en San Pedro de Nós (Oleiros).
Entre os relatores convidados estarán Nuria Preciado, técnica da Fundación Biodiversidad (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico) que exporá as liñas de financiamento de solucións baseadas na natureza e de infraestrutura verde.
A continuación, Luís Paulo Ribeiro, profesor do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, presentará exemplos de boas prácticas internacionais. Xa para finalizar, Juan Carlos Verona, da consultoría estratéxica de servizos e territorio CESYT, centrará a súa intervención no deseño e xestión de espazos naturais desde o prisma dos servizos ecosistémicos.
A sesión, aberta ao público en xeral, está dirixida especialmente a técnicos municipais e profesionais dedicados á xestión e conservación das infraestruturas e espazos verdes municipais.
Estes tres relatorios complementan as anteriores sesións impartidas os pasados 6 e 7 de outubro por Jesús Carrasco, experto en biodiversidade da empresa NTT Data, que introduciu aos asistentes no manexo das ferramentas de xestión e cálculo do capital natural.
Preparados para as novas oportunidades económicas
Continuando coas campañas formativas de anos anteriores en materia de infraestrutura verde e de servizos ecosistémicos, a Fundación Juana de Vega promoveu esta actividade máis específica para atender unha necesidade detectada no sector: a formación de novos profesionais e actualización dos traballadores en activo.
A transición ecolóxica tamén está influíndo no mapa laboral e na actividade económica tradicional, o que supoñerá unha importante oportunidade económica. Segundo o último informe da Fundación Biodiversidad “Empleo y transición ecológica”, dos 700.000 empregos que se, estima, se crearán nos próximos anos no marco dos 14 eixos estratéxicos relacionados coa mitigación e adaptación ao cambio climático e coa xestión e conservación da biodiversidade, están incluídos os perfís relacionados coa renaturalización urbana, a xestión do patrimonio natural e as áreas protexidas ou a xestión forestal sostible.
Así mesmo, a escaseza destes técnicos especializados tradúcese na perda directa de oportunidades para acceder a financiación europea para desenvolver proxectos de planificación que teñan en conta criterios ecolóxicos e medioambientais.
Tal e como comentaba Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, na sesión de apertura, o desenvolvemento “dunha rede de infraestrutura verde no medio urbano é a pedra angular para mellorar a calidade de vida, o benestar e da saúde desta poboación”.
A infraestrutura verde está a demostrar ser un investimento intelixente para o futuro das áreas urbanas. Ao abrazar un desenvolvemento urbano máis sostible, as comunidades non só están a crear contornas máis saudables e respectuosas, senón que tamén melloran a calidade de vida dos seus cidadáns.