O Couto Florido é un novo proxecto para seguir coidando e embelecendo a aldea do Couto (Ponteceso) sumando á súa intensa vida cultural novas accións arredor da paisaxe e a biodiversidade. A iniciativa está impulsada pola Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal co apoio do Instituto de Estudos do Territorio - IET da Consellería de Medio Ambiente (Xunta de Galicia). Representantes das tres entidades acudiron o sábado, 29 de marzo á inauguración na Casa do Veciños do Couto, sede da FEP.

Tal e como sinalaron os promotores, o proxecto O Couto Florido non é só unha intervención no espazo físico, senón unha proposta de recuperación, de coidado e de posta en valor da identidade dunha comunidade como a que conforma a veciñanza do Couto. Tomando como punto de partida espazos degradados, farase uso de solucións baseadas na natureza (SBN) para revalorizar o patrimonio cultural como motor de cambio e mellora. “Queremos consolidar a aldea como un referente en revitalización rural, demostrando que a biodiversidade, a cultura e a participación cidadá son piares clave para un modelo territorial máis sostible e resiliente”, explicaron desde a Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal.
Tres xornadas
O programa comezou o sábado, 29 de marzo (10:00-14:00h) coa primeira das tres xornadas previstas no programa. Denominada “Sementes”, foi unha experiencia colectiva aberta para identificar valores, retos e oportunidades, así como os espazos nos que se realizarán as seguintes intervencións.
As conclusións obtidas traducirase no mes de maio nas accións de mellora paisaxística durante unha xornada que leva por título “Couto Florido”. Os asistentes participarán na plantación das sementes autóctonas recollidas a través de accións de voluntariado, nunha instalación artística e na promoción de prácticas de xestión sostibles.
Xa a finais do verán, o terceiro encontro chamado “Colleita” pechará esta experiencia integral coincidindo coa 43ª edición do festival cultural Festiletras. Organizarase tamén unha ruta para ver as intervencións realizadas e aproveitarase para compartir boas prácticas para a xestión, o coidado e o mantemento futuro da aldea.
O proxecto “O Couto Florido” pon en valor a estreita e fértil colaboración entre as tres institucións implicadas. A cooperación entre a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Juana de Vega e o Instituto de Estudos do Territorio é un exemplo de como a unión de esforzos e sensibilidades pode dar lugar a proxectos con alma e impacto real no territorio, destacaba José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.
En concreto, desde ambas fundacións agradeceron de xeito moi especial a boa disposición e a excelente acollida do IET para ser partícipe desde camiño compartido orientado a unha mellora paisaxística e cultural da aldea do Couto, baseada na sostibilidade e na participación ciudadana.
