A exposición sobre Juana de Vega visita a vila de Caión ata finais de mes

Share

No mediodía do luns, 17 de xuño, Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, e José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, achegarónse ata ao Centro Sociocomunitario de Caión para presentar a exposición "Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século" na vila mariñeira. Acompañáronos os concelleiros Ramón Martínez e Patricia Bello, ademais do presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo. Cunhas privilexiadas vistas ao mar da Costa da Morte, ata o venres, 28 de xuño, a mostra poderá visitarse no 1º piso da instalación municipal en horario de 17:00 a 20:00h (17 a 21 de xuño) e de 10:00 a 13:00h (24 a 28 de xuño).

Ademais de dar a coñecer a vida de Juana de Vega a través da vintena de paneis, a veciñanza tamén poderá achegarse á historia desta muller ilustre coa lectura dos libros doados para as bibliotecas municipais da Laracha. Entre eles, atópanse as últimas biografías escritas por Xose Ramón Veiga (en galego e en castelán), xunto con outras edicións nas que colaborou a entidade en anos pasados.

Ademais de aproveitar para destacar algún dos fitos na traxectoria de Juana de Vega, Sáez Ponte agradeceu ao Concello da Laracha a excelente disposición para acoller a mostra itinerante e ofrecerlles a oportunidade de seguir divulgando a figura e obra da "muller con maior influencia política do século XIX". Grazas a súa visión pioneira e ao compromiso de moitas persoas para cumprir as súas últimas vontades, este sábado 22 de xuño, a Fundación Juana de Vega sumará 152 anos promovendo o coñecemento, conservación e desenvolvemento do medio rural de Galicia.