A exposición "As mulleres e o mar", na súa versión en español, poderá visitarse nas próximas semanas en diferentes espazos públicos de Las Palmas de Gran Canaria. Nunha primeira fase, a través da Red de Bibliotecas Violeta, percorrerá as bibliotecas universitarias e os concellos da illa. A estadía xorde tras o acordo entre a Cátedra Juana de Vega co Ayuntamiento e co Cabildo de Las Palmas de Gran Canaria.
Previamente, en xaneiro pasado a exposición formou parte das actividades do XIV Congreso Internacional da Asociación Española de Historia Económica que tivo como tema central a economía marítima baixo o título “Océanos de intercambio. La economía azul en perspectiva histórica”.
O luns, 20 de xaneiro a mostra instalouse no hall do Edificio de Humanidades da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Só durante a primeira semana, as máis de 300 persoas participantes no evento puideron desfrutar da mesma.
Relato colectivo
A exposición “As mulleres e o mar. O traballo feminino nas industrias marítimas de Galicia. Séculos XIX e XX” é un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras e loitadoras incansables que dende o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias. É un relato colectivo a través de 20 paneis de todas as profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras, conserveiras.
A mostra é unha das actividades organizadas pola Cátedra Juana de Vega da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e na que colabora a Fundación Juana de Vega para promover o coñecemento da vida e obra de Juana de Vega, así como o seu contexto histórico.
