A Escola Galega da Paisaxe participa na xornada técnica do proxecto europeo GIFT sobre infraestrutura verde

Share

A xornada técnica e visita de campo interrexional organizada o martes, 29 de agosto polo proxecto europeo GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees) no Monte Xalo foi unha magnífica oportunidade para compartir a ampla experiencia da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega en coidado e protección da paisaxe e en infraestrutura verde con outros profesionais do sector.

Ademais da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), o consorcio de GIFT está formado por outras nove entidades da Unión Europea tales como Suecia, Bélxica, Países Baixos, Italia, Eslovenia, Alemaña, Letonia e Croacia que, ao longo dos vindeiros catro anos, terán como misión establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da xestión da infraestrutura verde e da paisaxe.

Aproveitamos para agradecer aos organizadores, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, polo convite e por contar coa Escola Galega da Paisaxe como stakeholder referente no territorio. Entre os traballos que temos realizado nesta área, destaca a elaboración do "Plan de infraestructura verde para a área da Coruña" por encargo do IET e que, será incorporado na futura "Infraestrutura Verde de Galicia", promovida pola Xunta de Galicia, tamén a través del Instituto de Estudos do Territorio.

Que é GIFT?
O proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees) constituise oficialmente o pasado mes de xuño. O seu obxectivo é establecer, ao longo dos vindeiros catro anos, medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da xestión da infraestrutura verde e da paisaxe.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente do Feder e o 20% restante achegado polos socios—a iniciativa porá especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

Ademais da Xunta, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), no proxecto participan outras nove entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), a Universidade de Zagreb, en Croacia, e a Universidade de Letonia, en calidade de socio asesor.