A Mesa 6 de Comunicación e Concienciación Social do Foro Territorio Rural Resiliente celebrou a súa segunda sesión de traballo o pasado 29 de abril cun obxectivo claro: avanzar en medidas concretas que permitan mellorar a percepción social do rural galego e reforzar o papel da comunicación como ferramenta para construír un territorio máis activo, recoñecido e resiliente.

Os participantes coincidiron en que o rural debe ocupar un espazo máis estable, diverso e rigoroso nos medios de comunicación, especialmente nos medios públicos, atendendo á súa función social. Neste sentido, subliñouse a importancia de que a información sobre o rural reflicta a súa pluralidade: a vida das persoas que o habitan, a actividade das empresas, o traballo dos colectivos, a biodiversidade, os conflitos, as oportunidades e tamén a innovación que se produce no territorio. Para iso, considerouse imprescindible que as e os profesionais da comunicación poidan exercer o seu traballo en condicións dignas, con tempo e recursos para pisar o terreo e contar a realidade do campo desde a proximidade.
Outra das conclusións centrais foi a necesidade de achegar o rural á formación universitaria vinculada á comunicación. As persoas participantes propoñen que os graos de Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Publicidade ou Humanidades incorporen unha maior conexión coas realidades rurais, co fin de evitar visións estereotipadas e formar profesionais con coñecemento directo do territorio. Nesta mesma liña, formulouse a posibilidade de impulsar microcredenciais ou formacións especializadas de curta duración dirixidas tanto a estudantes como a xornalistas e persoas vinculadas á comunicación.
A mesa tamén abordou o papel da ficción, do entretemento audiovisual e das redes sociais na construción do imaxinario colectivo sobre o rural. As persoas participantes sinalaron que, aínda que o rural está presente en moitos produtos culturais, adoita aparecer asociado a un número limitado de temas ou enfoques. Por iso, propúxose impulsar unha residencia ou bolsa para creadoras e creadores audiovisuais que permita desenvolver novas narrativas, máis diversas, innovadoras e afastadas dos tópicos habituais.
No ámbito profesional, unha das medidas propostas foi a creación dunha rede de xornalistas e comunicadores vencellados ao rural. A dispersión xeográfica e a dixitalización dos medios fan que cada vez existan menos espazos compartidos entre profesionais, o que dificulta a posta en común de enfoques, fontes e temas. Esta rede podería actuar como punto de encontro entre medios, territorio e administracións, contribuíndo a mellorar a cobertura das cuestións que afectan ao rural.
Tamén se propuxo crear un directorio de persoas expertas e voces relevantes do rural galego, que poida servir como ferramenta de referencia para xornalistas e comunicadores. Este recurso permitiría facilitar o acceso a fontes diversas, incorporando representantes de colectivos rurais, persoas investigadoras, profesionais do sector agrogandeiro e forestal, entidades sociais, sindicatos, administracións, creadoras culturais ou persoas con coñecemento directo do territorio.
Novas narrativas para un rural vivo
A mesa destacou a necesidade de comunicar o rural como un espazo contemporáneo, diverso e con capacidade de futuro. Para iso, propón activar redes profesionais, formación especializada, encontros con creadoras de contido e iniciativas culturais que contribúan a proxectar unha imaxe máis real, positiva e complexa do territorio.
A conexión entre poboación, empresas, administracións e medios foi outro dos eixos de debate. As persoas participantes consideran necesario favorecer espazos comúns de encontro, especialmente en zonas rurais, a través dun ciclo de eventos itinerante por diferentes comarcas. Estes encontros permitirían reducir a desconfianza, mellorar o coñecemento mutuo e visibilizar o rural como xerme de vida, economía, actividade e innovación.
Finalmente, a mesa propuxo impulsar accións específicas dirixidas a creadoras e creadores de contido en redes sociais, conscientes da súa capacidade para influír na percepción pública. A través de formacións ou foros de encontro con persoas especializadas en temáticas rurais, procuraríase inspirar novas formas de contar o territorio desde unha mirada informada e comprometida.
As medidas complétanse coa proposta de promover un evento cultural de carácter festivo, localizado no rural, que funcione como laboratorio creativo e espazo de encontro entre cultura, comunicación e concienciación social. Tomando como referencia iniciativas xa existentes, a mesa aposta por un formato capaz de atraer públicos diversos e de proxectar a ruralidade desde unha perspectiva positiva, moderna e transformadora.
As conclusións desta mesa incorporaranse ao proceso de traballo do Foro Territorio Rural Resiliente, que terá lugar en algo menos dun mes, o xoves, 28 de maio na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
