Oleiros, 24 de novembro de 2011.- O Xefe da Unidade de Política de Calidade dos Produtos Agrícolas da direción xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Michael Erhart, anunciou hoxe que a Comisión Europea está estudando a implantación dun logo, un símbolo ou unha imaxe que aglutine a todos os produtores locais de produtos agroalimentarios dos estados membros, co fin de distinguir esta marca de calidade e por en valor a venda directa de produción local que contribúa a incrementar en grande medida a rendibilidade do sector. Unha medida da que poderían beneficiarse en grande medida os agrogandeiros galegos e que foi anunciada hoxe na Fundación Juana de Vega, durante a inauguración das V Xornadas de Comercialización Agroalimentaria, centradas nesta ocasión nos produtos locais e circuítos curtos de comercialización.
Nun encontro celebrado co obxectivo de analizar as estratexias para que os produtores mellores as súas marxes potenciando o desenvolvemento das economías locais, como sinalaba o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, no acto inaugural das xornadas, que reuniron na sede da entidade a máis de medio centenar de produtores comercializadores e técnicos que desenvolven a súa carreira profesional no ámbito agroalimentario. Enrique Sáez recordou que Galicia ten a capacidade, clima e terra para producir alimentos diversos da máis alta calidade, para engadir que a opción da venda directa non só constitúe un modo de incrementar e diversificar os ingresos do sector de produtores, se non tamén é “o principio de todo, a primeira vitoria, xa que constitúe o primeiro paso para un ciclo máis longo”.
Polo tanto, manifestou que a comunidade galega atópase ante unha excelente oportunidade para aproveitar os cambios que se están producindo nos últimos anos nas tendencias de consumo, nas que se procura unha alimentación baseada en produtos de calidade vinculados ao territorio próximo, abrindo por tanto novas oportunidades de negocio para os produtores locais. Neste senso, indicou que en Galicia deben potenciarse os mecanismos de conexión entre produtores e consumidores, a través de ferramentas como as redes sociais, a venta por internet, os mercados e feiras sectoriais ou as redes de distribución local.
Un aspecto ao que tamén se referiu Michael Erhart, sinalando que nas enquisas que manexa o seu departamento detectouse un altísimo porcentaxe de consumidores, estimado no 90% que están interesados en comprar produtos locais, procedentes do seu entorno, pero á maior parte parecelles difícil localizar eses produtos, polo que considera que existe un problema de comunicación entre ambos colectivos no que se debe traballar. Neste senso, anunciou que a Comisión Europea está a traballar na concesión de paquetes de axudas en colaboración cos estados membros para mellorar estes sistemas de comunicación para apoiar a un sector que, canto maior sexa o valor engadido que obteña polos seus produtos maiores serán os seus beneficios e por tanto, menor será a súa dependencia das subvencións públicas.
No transcurso destas xornadas e para analizar a problemática do establecemento de canles curtos de comercialización, presentáronse diversas iniciativas de éxito desenvolvidas na comunidade Galega e de outras comunidades autónomas. Así, presentáronse experiencias concretas de venda directa e analizáronse aspectos como o valor da marca e as novas tecnoloxías como ferramenta de comercialización de produtos agroalimentarios. Ademais, durante o descanso para a comida ofreceuse unha degustación de variedades locais e outros produtos do territorio, preparados polos responsables do Restaurante A Estación de Cambre, que conta cunha estrela Michelín. “ Trátase de poñer en valor os produtos locais a través da alta cociña e a restauración”, sinala José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.
Tras o acto de inauguración interveu Alicia Langreo Navarro, directora de Saborá Estrategias Agroalimentarias, para falar sobre Comercialización convencional vs comercialización en circuítos curtos: alternativas e estratexias de distribución para as producións locais. A continuación presentouse o programa “ Alimentos ecolóxicos para o consumo social en Andalucía”, así como experiencias de venda directa como a da Rede Arco, como expoñente da agricultura de responsabilidade compartida, o proxecto Granxafamiliar.com ou a experiencia empresarial “ Finca los cuervos”
Tras a degustación de variedades locais e outros produtos do territorio, a xornada de tarde comezou cunha conferencia sobre outra experiencia empresarial: Horticampo, e debateuse sobre a diferenciación do produto e o valor da marca, e sobre as novas tecnoloxías na comercialización de produtos agroalimentarios.